Alumnos do IES Breamo, de Pontedeume, entre os que mellor debaten

A. CUBA PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

<span lang= gl >Os dez estudantes do equipo eumés Rompentes, coa profesora de Oratoria (dereita), no Pazo da Cultura de Narón</span>
Os dez estudantes do equipo eumés Rompentes, coa profesora de Oratoria (dereita), no Pazo da Cultura de Narón

O equipo Rompentes, formado por dez estudantes de 3.º da ESO, pasan á final da liga do Club de Debate Alingua, que se celebrará o 25 de abril en Ames

14 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Luna Fernández Rodríguez, Jorge Egurrola Moro, Marta Pereda Vázquez, Ariel Torres Calvo, Noa García Amado, Darío López Arnoso, Antía Tenreiro Gandoy, Óscar Roy Piñeiro Charles, Marta Dopico Varela e Carolina Pereira Pena cursan 3.º da ESO no IES Breamo, en Pontedeume, e están entre os que mellor debaten. O grupo, capitaneado por Estefanía Mosquera, a súa profesora de Oratoria, é un dos tres equipos clasificados en segundo lugar (coa mellor puntuación) na liga do Club de Debate Alingua, e participará na final desta edición, que se disputará o 25 de abril no auditorio municipal de Bertamiráns, en Ames.

Rompentes, como se denominan, medirase cos outros dous que acadaron o segundo posto —CPI dos Dices (Rois) e Filipenses (Vilagarcía)— e cos cinco primeiros das fases previas: Grupo Nós (do CPR Santiago Apóstol, de Narón), IES Canido 1, Colexio Lasalle (Santiago), IES de Milladoiro (Ames) e IES Terra de Xallas 2 (Santa Comba).

No grupo eumés son vinte, e todos colaboraron, pero na liga só podían participar dez. Na final debatirán sobre a lingua e, como bos oradores, terán que ser capaces de defender con argumentos unha postura e logo, xusto a contraria.