Rocío Varela, da orquestra New York: «Todo está completamente parado, é un verán para actuacións controladas»

PABLO J. RAÑALES PÉREZ FERROL / LA VOZ

PONTEDEUME

FARI ELFARERO

A cantante eumesa vén de gañar o concurso da canción do verán da CRTVG

07 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O relativo parón das verbenas galegas deixou un panorama musical complicado na comunidade. O sector abócase a concertos controlados, de pequenos grupos, en vez dos grandes eventos musicais das orquestras, que implican máis aglomeracións. Neste contexto de incertezas, a eumesa Rocío Varela, gañadora da canción do verán da CRTVG e membro da orquestra New York, cobreguea para rescatar unha campaña estival marcada polas perdas económicas, a inseguridade e a volatilidade do covid-19.

-Como comezou a súa relación coa música?

-Lembro que na miña casa sempre había música posta: Rocío Dúrcal, Gloria Estefan... e iso levoume a cantar dende pequena. Comecei xa con 8 anos en canto e baile galego, e a partir da adolescencia en varios coros de Pontedeume e concursos musicais.

-Foi difícil entrar no mundo da música profesional?

-A verdade é que a miña participación en Recantos, do Luar (TVG), foi un impulso clave para coñecer xente e meterme no mundillo. Con 18 anos pensei en deixar completamente a música, pero deime conta que quería vivir dela, e estudei Educación Social mentres continuaba nisto.

-Toca verán atípico. Están ensaiando ou organizando algo a nivel de orquestra?

-Todo está cen por cento parado. As primeiras semanas ensaiabamos, pero agora xa non. As orquestras que actúan para aglomeracións, como a New York, non están preparando nada, que eu saiba. É verán para dúos e tríos, para concertos pequenos, controlados en sala e con público limitado, máis que para grandes orquestras e eventos musicais. No momento en que poidamos volver en condicións volveremos.

-Teñen algún protocolo dentro do sector da orquestra?

-Si, existe un protocolo, pero non é viable nin ten medidas claras. É moi complicado que nas festas se cumpran cousas como a distancia de seguridade ou a máscara. Non se pode garantir algo así. Hai que ser prudentes, porque é unha mágoa que se esqueza o que pasou durante todo este tempo.

-Como se aveciña o inverno?

-No meu caso, estou centrándome nos proxectos persoais que quero sacar adiante, na miña carreira en solitario. Sempre mantiven un afán autodidacta, e penso que agora é momento de tirar máis por aí, pola vertente de cantautora en acústico.

-A nivel persoal, que expectativas de futuro ten?

-Simplemente poder vivir da miña música e ter un pequeno público que me axude a iso, a conseguir unha estabilidade profesional no sector.