Fernando Barallobre, presidente de UCOA: «Os pequenos temos que xuntarnos para poder competir»

A. F. C. PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

PAULA QUIROGA

A hostalería, lista para a ruta dos pinchos, e o comercio confían en que o novo mercado dinamice Pontedeume

14 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dezaoito locais asociados á Unión de Comerciantes e Autónomos (UCOA) de Pontedeume participan, desde mañá ata o domingo, na ruta dos pinchos que organiza a entidade co apoio do Concello. Fernando Barallobre Vales, presidente, subliña a importancia «da unión dos pequenos», con este tipo de iniciativas, para afrontar a competencia das grandes superficies e do comercio electrónico. Comercio e hostalería esperan a reapertura do renovado mercado municipal «coma auga de maio».

-¿Canto tempo levades organizando a ruta dos pinchos?

-Debe ir para sete anos, aínda que lle fomos dando nomes diferentes. Agora é ruta e antes era concurso, pero ao final é sempre o mesmo, unha ruta dos pinchos, que depende, sobre todo, do tempo, se é bo hai moita xente. Os establecementos pórtanse moi ben, levamos dous meses traballando no tema para que a cousa quede ben. Hai moita elaboración detrás de cada pincho. E realmente funciona, e algún local que, pola razón que sexa, non pode participar, eses días ten menos afluencia de clientes.

-Os prezos van desde os 1,5 ata os 2,5 euros.

-Si, depende do tipo de produtos que se empreguen, porque os que levan algo de marisco están condicionados polo prezo que leven en cada momento. Os locais non van gañar co pincho, simplemente é un atractivo máis para que a xente saia e se mova.

-¿E por parte do comercio, xa están mirando á Fashion Night?

-Repartimos un pouquiño, a ruta do pincho está máis orientada á hostalería e a Fashion Night, que se celebra o primeiro venres do mes de xuño, coma sempre, vai máis dirixida ao comercio. Aínda que a hostalería colabora igualmente e normalmente teñen pinchos especiais, fashion.

-¿Son vitais este tipo de iniciativas para competir coas grandes superficies e co comercio en liña?

-Si, os pequenos temos que xuntarnos e facer este tipo de cousas para poder competir, porque a xente está encantada en vir a Pontedeume e se lles dás un motivo máis acoden mellor, con máis gañas. Temos unha ría marabillosa e unhas hortas bárbaras, cuns produtos que se van ver nos pinchos destes días, cunha materia prima de primeira e cunha preparación moi boa. Tamén temos que agradecer a colaboración do Concello, fundamental.

-Por fin remataron as obras do mercado municipal e agora si parece máis cerca a reapertura. ¿Con que expectativa ven a volta á actividade deste espazo?

-O mercado xa ten outro aspecto, o edificio principal xa era moi bonito e parece que a obra quedou estupenda. Unha vez que estea asentado esperamos que sexa un aliciente grande para Pontedeume. Ademais dos praceiros que xa están [agora nas lonxas de Raxoi], supoño que virán outros novos, porque aquí hai máis postos. Confiamos en que sexan profesionais de verdade. O mercado é básico para Pontedeume, de toda a vida, con fluxo constante de xente que ía comprar produtos frescos, do mar e da horta.

-¿Cre que servirá de revulsivo para dinamizar a vila?

-O mercado foi básico sempre para a dinamización de todo. Eu non estou xusto alí, pero si nunha rúa que vai ao mercado e o movemento de xente era continuo ata as doce da mañá, e agora non existe. Todo o mundo pasaba polo mercado e iso reflíctese en todo, na hostalería e no comercio.