DENDE ESCANDOI | O |
30 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.DÍXOO MOI BEN, en Pontedeume, o profesor Meilán, durante o encontro celebrado arredor das consecuencias da globalización: cando xa vemos canto acontece no mundo, pechar os ollos sería inmoral. Ademais, e tal e como van as cousas, cando a información circula por canles coma Internet a tal velocidade que as fronteiras parecen non ter existido nunca, tampouco é lóxico temerlle ao futuro, que está sen escribir. O que haberá que temer agora, se cadra, é que esas canles se usen para enganarnos. Pero para iso non hai mellor antídoto que contrastar as noticias e, o que é máis importante aínda, exercer a crítica e a reflexión. É certo que, no económico, a supresión das vellas barreiras non só trae vantaxes, e empeza a causar graves problemas cando as economías, infladas artificialmente, comezan a rebentar. Pero polo que atinxe ás culturas (ás crenzas, ás tradicións...), ¿a que vén tanto dicir que a globalización as pon en perigo, que as condena á desaparición? Se un tivo a sorte de nacer nunha terra que posúe unha das máis fermosas linguas de Europa, no derradeiro lugar no que se pon o sol, onde a historia ensinou o valor da tolerancia... Se forma parte do milenario pobo que no rostro dos pobres que andaban os camiños vía os ollos de Deus... ¡esta é a ocasión de contarllo ao mundo, de invitalo a coñecernos!, ¡nunca foi tan doado abrir novas portas para a comunicación! O malo é que para iso hai que saber en qué se cre. ¿E non será que o problema non está tanto na Rede coma nos corazóns...?