O debuxante de Ortigueira Cristian F. Caruncho ilustra o libro «Saínza, a punkiereteira»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

Cristian, creador de Saínza, cunha imaxe da pandereiteira na pantalla do ordenador
Cristian, creador de Saínza, cunha imaxe da pandereiteira na pantalla do ordenador PABLO GRANERO

O autor de Couzadoiro creou as imaxes do conto da escritora María Canosa que acaba de publicar A Costureira Edicións

29 nov 2022 . Actualizado a las 12:27 h.

A orixe de todo está en Saínza, a punkiereteira, un personaxe que creou o debuxante Cristian F. Caruncho (Couzadoiro, Ortigueira, 1997), inspirado nas súas amigas do grupo As Punkiereteiras de Ponteareas, para o cartel do Festival de Ortigueira de 2019. Saínza, a punkiereteira é o título do libro ilustrado que acaba de saír á venda, obra deste creador de Vidueiros e de María Canosa (Cee, 1978), escritora cunha longa traxectoria como autora de literatura infantil e xuvenil.

Xosé Luís Martínez (A Barqueira, Cerdido, 1978), responsable de A Costureira, unha empresa dedicada ao deseño e venda de merchandising, con sede na Coruña, ten moito que ver nisto, non só porque é o responsable da publicación, a primeira de A Costureira Edicións, senón porque foi el quen puxo en contacto a Cristian e a María. «Un día díxome ‘tes que coñecer a este rapaz, ten uns ideais parecidos'... e cando vin un debuxo del [da Saínza do cartel do Mundo Celta] pensei ‘eu quero esta rapaza como protagonista dunha historia'», conta a escritora.

Neste caso, o editor propiciou o encontro de dous autores con moito talento e moito en común. «A relación da avoa coa neta, a defensa do rural...», apunta Cristian. «A igualdade, a loita contra a violencia, os valores tradicionais galegos cun toque de modernidade...», engade María. «O empoderamento da muller, poñer en valor o idioma e o país», conclúe Xosé Luís. Os tres comparten os ideais que defende Saínza, «unha rapaza afouta, incansable na loita contra as causas que considera xustas [...], non o ten fácil, pero atopa quen a apoie, e válese da forza da unión», resume a autora do texto.

«Fun adaptando a rapaza do festival, máis noviña, para o público máis xuvenil. Foi unha gozada traballar con María, aprendín moito, fixo un xoguete á miña medida, xusto cos temas que me interesa tratar e me presta debuxar. Metín tamén guiños a Grandarroiba [a súa primeira obra longa, editada por Demo en 2019], a Dorotea [un cómic que autoeditou en 2018] e á paisaxe de Couzadoiro», explica Cristian, moi contento co seu primeiro álbum ilustrado e co resultado do traballo en equipo.

A escritora María Canosa amosa a portada do libro ilustrado por Cristian F. Caruncho
A escritora María Canosa amosa a portada do libro ilustrado por Cristian F. Caruncho

O ilustrador agradece a liberdade coa que debuxou, incorporando ideas que lle achegou María. En Saínza, a punkiereteira hai moita música —«ás amigas de Saínza, unha máis rockeira e outra máis rapeira, vestinas coma Sés, A Banda da Loba ou Flow do Toxo, grupos de mulleres galegas, cada unha co seu estilo»—, poesía e mesmo unha receita de cociña. «Falamos moito do tipo de formato, xa antes de empezar, estou encantada, gústame probar cousas novas e ir sumando xente cun talentazo... coma Cristian, que é moi novo e ten moito camiño por diante, e ese respecto polo de antes, pola memoria...», subliña María. Os dous cren que hai moito por contar de Saínza, polo que quedan as portas abertas a novos volumes.

«A idea é que Saínza, que neste libro ten uns once ou doce anos, vaia medrando cos lectores», recalca Xosé Luís, coa que espera contribuír á loita contra a discriminación, de calquera tipo, entre os máis novos. O libro está á venda na páxina web de A Costureira, en moitas librarías e tamén a través das redes sociais do creador desta pandeireteira que vai ter o seu propio merchandising. Cristian está desexoso de ver o libro. Está cursando un mestrado de ilustración en Valencia, cunha bolsa da Deputación da Coruña, e aínda non o tivo nas mans. E segue ás voltas cun cómic, «un western rural de porcos bravos en Couzadoiro»..