O ilustrador Cristian F. Caruncho, premio Casares ao talento creativo

O xurado enxalza a forma en que, dende o cómic, aborda o mundo rural


Redacción / La Voz

O ilustrador Cristian F. Caruncho (Vidueiros, Ortigueira, 1997) obtivo onte o premio Carlos Casares-Kristina Berg ao talento creativo, que celebra a súa primeira edición. O galardón, promovido pola Fundación Carlos Casares en colaboración coa Deputación de Ourense, ten unha dotación económica de 10.000 euros e o seu obxectivo primordial é a busca de valores emerxentes.

O fallo tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que concitou un xurado integrado por Cristina Pato, María Martinón-Torres, María Canosa e Fernando González Gonzo, ademais de Xavier Casares, presidente da fundación que vela pola obra do escritor ourensán, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense. Entre as seis candidaturas seleccionadas impúxose a de Caruncho, ilustrador formado na coruñesa Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso.

O xurado enxalzou a paixón que o traballo de Caruncho mostra pola banda deseñada e «o estilo depurado que manifesta, co que ergue o ambiente rural galego, tan minuciosamente tratado, a unha categoría claramente global e doadamente compatible coas tendencias máis modernas» deste medio expresivo e artístico, habitualmente asociado a temáticas urbanas. Neste sentido, aprecian no creador un potencial riquísimo que confían en que «converta, co tempo, ao artista que xa é nun referente internacional».

Caruncho ten repartidos os seus traballos entre a autoedición, con Historias de Rego Torto (2012-16) e Dorotea, (2018); a obra colectiva, con Un ferrado de dignidade (Demo Editorial, 2017); e a colaboración con artistas, con O puño e a letra (Edicións Xerais, con Yolanda Castaño), Semillas (videoclip de Tremenda Jauría e Fermín Muguruza, 2019), o cartel do Museo Etnográfico de Meixido, e a imaxe do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2019. O debuxante vén de publicar a súa primeira obra longa, Grandarroiba (Demo, 2019).

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O ilustrador Cristian F. Caruncho, premio Casares ao talento creativo