Ideas para o devir do IES

Carlos E. Rodríguez Legarreta DIRECTOR DO IES DE ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As ideas sobre o devir do IES de Ortigueira deben ser as seguintes: Estar moi atentos ante os continuos cambios no sistema educativo. Manter unha boa oferta educativa, pensando sempre na prioridade da maioría sobre as elites, e loitando con leis que son pensadas desde as cidades para os centros das cidades, coidar a organización de actividades extraescolares, continuar a fomentar unha formación profesional axeitada á dimensión dos concellos aos que prestamos servizo, e transferir o coñecemento xerado en carpintaría ao mundo empresarial. A día de hoxe penso que somos unha referencia a nivel galego.

É moi importante que o centro, con moita paciencia e pedagoxía, continúe a dar alternativa a aqueles que, por diferentes circunstancias, non desexan continuar cara o Bacharelato e atopen na FP o mellor camiño para facer o seu futuro. Unha persoa que curse FP básica, media e superior pode rematar con seis anos de formación nunha rama, que habilitan para competir en moi boas condicións no actual mercado laboral. Tamén debemos facer entender na sociedade que vir á FP despois de facer estudos universitarios non debe ser considerado un paso atrás, e si unha oportunidade real de entrar no mundo laboral con moitísimas posibilidades de promoción de cara ao futuro.

No que atinxe ao mantemento dos recursos, consolidados os talleres e os espazos deportivos e de lecer, temos pendente o máis sinxelo, coa renovación por fases dos tellados, do sistema de calefacción, de illamento e de iluminación, para rematar en pouco tempo coa posta ao día da carpintaría das aulas, optimizando e xestionando nas administracións os recursos económicos.