Xuvia/Neda

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

NEDA

10 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A ría de Ferrol en realidade é a ría do Xuvia con permiso do Belelle. Ambos os dous ríos desembocan por Neda. De Neda quero falar porque aí presentamos no seu día un precioso libro titulado Xuvia-Neda, do autor nedense-ferrolán Vicente Araguas. Relatos contados dun xeito especial que eu nunca escoitara. Imáxes de paisaxes sentimentais e de personaxes que nos axudan a revivir os tempos do tranvía. Alí coñecín a Marcelino, aquel futbolista nado en Ares que lle marcou un golazo a Rusia, co que España gañou o seu primeiro campionato de Europa. Marcelino foi a Neda para estar con Araguas, porque un dos contos do libro leva este título: Cando Marcelino viñera ao Hispano. Marcelino volveu explicar cómo fora aquel remate de cabeza, escorzo case imposible. O futbolista de Ares, home con pausas, díxonos que medio gol estaba no centro medido de Lapetra. Xuvia acae xusto debaixo de monte Ancos vizoso en arrecendos e voces de Afrodita. Esta comarca nosa aparece nos documentos con tal nome: Trasancos. Aínda que o nome antigo é «Portus» ou «Sinus Artabrorum». Pero ese é outro tema. Os contos de Xuvia-Neda son fermosísimos. Retratan a xentes comúns que teñen todos eles os seus momentos de gloria, beleza e exaltación da vida. Toda a ribeira da ría, de banda e banda, é a nosa paisaxe. Xuvia-Neda pertence á biblioteca ideal de Ferrol. Quedáramos en facer unha biblioteca de intelixencias e pracer. O gol de Marcelino non foi cousa cativa. «Pero nunca o compares con Brigitte Bardot».