A información deste xornal do día 26 recollía -136 anos após do que escrebera Rosalía- a crítica realidade dunha comarca que vai desangrándose pola fuxida -nomeadamente, da mocidade- derivada da falla de saídas laborais. As cifras revelan que a poboación expulsada -con rostro maioritario de muller- dos concellos da comarca é superior á que conforman actualmente os de Ares, Mugardos e Neda; pero increméntase se engadimos as persoas que manteñen o censo nos concellos de orixe, por máis que estean na procura de saídas laborais noutras zonas do Estado. E hai aínda quen pensa -a comezar polo «goberno» galego- que o fenómeno da emigración xuvenil é unha «oportunidade para coñecer novas realidades, culturas e idiomas», presentando esperpénticas campañas de fomento da natalidade; en troques de atallar as razóns que motivan esta situación; que non son outras que o desmantelamento progresivo dos nosos sectores produtivos, a comezar polo naval, e continuando co gandeiro, os servizos públicos ou o mar. Marchan xeracións das persoas mellor formadas que serían quen poderían garantir -en termos económicos e caso de estar activas laboralmente- o benestar de quen as precederon. Mesmo tentan convencernos que hai que resignarse, que son os novos tempos... Pois eu -tamén pai dunha moza que, coma outras, tiveron que marchar na procura do que aquí lles é negado- prefiro ficar de fatalista, que xogar ao papanatismo posibilista de quen predica que uns contratos resolven o emprego e o futuro da comarca. A economía e o emprego deféndese con medidas estruturais, non con propaganda; e menos se é obscenamente enganosa....