Falar polas mans

Roberto Taboada FERROL

NEDA

ANGEL MANSO

Catro funcións de teatro para todos os públicos, outras tantas de monicreques para a familia, teatro amador, un ciclo de curtametraxes, programas semanais de animación á lectura. Isto, que podería parecer o relatorio da actividade dun espazo cultural nunha urbe, é a programación de outono dun concello de pouco máis de 5.000 habitantes: Neda.

Neda ten unha sala de exposicións na Casa das Palmeiras e unha Casa da Cultura, onde está emprazada unha nutrida biblioteca no baixo e o auditorio no segundo andar, un espazo moi austero en equipamento técnico, que precisa dun investimento; porén moi apto para acoller numerosos formatos de actividades. Conta tan só cunha persoa para a atención da biblioteca e outra traballadora -que se comparte coa organización do resto de propostas lúdico-culturais doutras áreas- para o deseño, tramitación, xestión, produción e execución da programación. Quen da máis? Esta é unha realidade nos pequenos concellos do país, onde o persoal da administración local con máis vontade que medios, saca adiante programacións moi dignas; estruturándoas por ciclos, dándolle un contexto e traballando moi preto dos públicos. Neste caso, a responsabilidade política está iniciando o camiño, marcando consignas claras, priorizando o cualitativo sobre o cuantitativo e reforzando as actividades coa súa presenza.

O venres pasado Neda remataba a súa programación de outono e na súa Casa da Cultura presentábase o espectáculo Retrete Cabarete da compañía El Retrete de Dorian Gray, formación que tivo as súas orixes en Cataluña, hai xa uns cantos anos, mais agora establecida en Galicia, dende onde parte a cumprir os seus compromisos internacionais, que non son poucos. Composta por Erza Moreno e Marcos PTT Carballido, dous actores?manipuladores, na súa acepción de operar coas mans, xa que diso se trata de, como din eles, facer cousas... cousas coas mans, manipulando globos, bolas de cristal, fotografías antigas de persoas silueteadas.

A obra recolle os números máis salientables dos seus espectáculos anteriores e incorporan tamén algún da súa próxima re-estrea, In Memoriam. As habilidades manuais dos intérpretes deixaron ao público ben pasmado e fixeron tamén de bálsamo a un número importante de mociños rebeldes. Gozamos coas transformacións de globos, do xeito de suxerir un cantante melódico interpretando o Ne me quite pas de Jaques Brel, compoñer todo un conxunto de claque ou facer bailar unhas bólas de cristal na man con tan só o movemento dos dedos. Hai grande destreza na execución das manipulacións, xa que require dunha sincronización entre ambos actores para facer cribles os efectos. Hai que dicir que as transicións entre números son mellorables e quizais, tal como sucede nos cabarés co mestre de cerimonias, sería necesaria unha acción máis sólida entre sketchs para fiar o espectáculo. O numeroso público asistente recompensou xenerosamente cos seus aplausos o virtuosismo dos dedos de cada unha das súas catro mans.