Ao público

Roberto Taboada

NARÓN

JOSÉ PARDO

«Palabras Malditas» se representó en el Pazo da Cultura de Narón

25 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sendo moi sintéticos na historia, a evolución do espazo teatral foi pasando dende a súa saída da igrexa, onde se representaron os autos sacramentais; ás prazas, onde se colocaba unha pequena plataforma con rodas, dado o seu carácter itinerante; aos patios entre mazás de vivendas, onde unha vez formalizados constrúense os corrales de comedias, que acolleron as obras dos autores do Século de Ouro; nos seguintes, comézanse a construír os primeiros edificios dedicados plenamente ao teatro -escenario, coa súa maquinaria, patio central fronte á escena, coas súas butacas, palcos dispostos ao seu redor en varios pisos, formando unha ferradura- para ver e ou ser visto; ir ao teatro foi un acontecemento social, máis aló do escénico.

Narón ten un gran espazo escénico; un edificio de nova planta, con menos de 10 anos; un patio de butacas, con máis de 700 lugares; un foyer, que alberga exposicións. Todo moi lonxe dos románticos edificios do século XIX, así e todo, asistir a unha función é unha experiencia. Cumprir co ritual: achegarse á billeteira, facer cola, agardar no vestíbulo, entrar e sentarte na butaca. Na compañía da banda sonora de voces falando das próximas representacións, reflexionando sobre as pasadas e anticipando opinións sobre o que se vai ver? todo soa a teatro. É un público plural e cualificado, o que todo Teatro dunha cidade quixera. O traballo continuo e a programación estable fidelizou a varias xeracións, que teñen marcada na súa axenda: asistir ao teatro.

O sábado o Pazo da Cultura acolleu a última produción de Teatro do Noroeste -co permiso das institucións, cumprirá 30 anos de vida en breve- formada pola indisolúbel parella de director, Eduardo Alonso, e primeira actriz, Luma Gómez, ben coñecidos; noutros tempos asiduos do Jofre e ata dedicaron unha obra á cidade: As Damas de Ferrol.

Presentaban a terceira función de «Palabras Malditas». A peza está escrita e dirixida polo propio Alonso -o texto foi accésit do Premio Lope de Vega 2014, o que lle abriu as portas do Teatro Español de Madrid, onde fará tres semanas en maio-, interpretada por Sara Casasnovas (Clara nova): fresca e pizpireta recreación dunha meretriz con inquedanzas poéticas, Miguel Insua: sólido e contundente como profesor especialista na poesía francesa e fuxido homosexual, ademais Luma Gómez desdobrándose na propietaria da pensión e en Clara maior.

Alonso, sitúa a acción na Coruña no ano 40, os protagonistas coinciden e enrédanse nunha relación intelectual e emocional. Historia que descubrimos a través do relato de Clara, 40 anos despois, regresada ao país dende o seu exilio para recibir un premio literario. As escenas transcorren fiadas pola locución do relato que vai marcando o tempo, axudada por unha lograda proxección -de nubes en evolución- que acompaña, a modo de calendario toda a representación. O texto descubre as miserias humanas da posguerra, relatadas eficaz e sinxelamente, péchase cunha fermosa composición poética ao xeito de canción de amigo.

O nutrido público recompensou con cálidos aplausos e moitas postas en pé o traballo e comentou, na súa saída, o texto, a historia e situacións parecidas contadas polos seus maiores.