De feira

ROBERTO TABOADA FERROL

NARÓN

09 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera sector que se prece ten unha, hainas do automóbil, de vodas, do mel e do grelo. Na cultura organízanse do libro, da arte, da música e das artes escénicas. As feiras son un escaparate de exaltación do produto en cuestión, unha oportunidade para os profesionais que venden e para os que compran, ademais dunha forma de visibilizar ao sector.

No estado hai case tantas feiras de artes escénicas coma comunidades, todas con moitas edicións ás súas costas (unhas máis concretas de monicreques, teatro infantil, danza e teatro contemporáneo, outras máis xerais). Teñen por misión amosar o máis destacado da oferta escénica, tanto do propio como do resto do estado ou do ámbito internacional nalgúns casos, aínda que cada vez en menos lugares. Así, a profesión da programación escénica, principalmente concellos e institucións públicas, acode a estas citas, xa que en poucos días pode ver unha xenerosa selección de espectáculos. A semana pasada e durante tres intensos días, Santiago de Compostela acolleu a terceira edición de Galicia Escena Pro, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (versión, pasada pola crise, da Feira das Artes Escénicas que chegou a acadar 18 edicións). Este ano inscribíronse máis de cen profesionais do sector, entre eles máis de cincuenta técnicos de cultura de concellos, dende Vigo a Sober. A comarca estivo representada por persoal de Cedeira, As Pontes, Cariño, Neda e Narón. Tamén Ferrol tivo representación, mas é o único concello que ten o servizo de programación cultural privatizado, afondando na singularidade ferrolá, coa presenza da Asociación de Amig@s do Teatro Jofre, único teatro de Galicia que conta cunha entidade para a defensa, promoción e difusión da súa actividade.

Neste mercado, os espectáculos preséntanse en formatos ben diferenciados: completos (dous deles, Voadora e Teatro de Ningures en estrea absoluta), en showcases -un extracto de vinte minutos- e en pitching, presentacións de seis minutos de proxectos, que é novidade nesta edición. Un acerto esta diversidade que fai posible que máis compañías, tanto novas coma veteranas, se amosen.

Nos escenarios dacidade presentaron o seu traballo 24 compañías, todas galegas, entre elas a residente en Narón, Teatro do Morcego e a ferrolá Bucanero, algunhas xa tivemos oportunidade de velas na comarca, outras non tardarán en pasar pola bisbarra. E sempre agardando a necesaria recuperación do teatro galego no Jofre?

As funcións están abertas ao público en xeral e son de entrada gratuíta; as salas enchéronse, contribuíndo ao carácter festivo da feira, que se completou con encontros e formación para profesionais e a xuntanza semestral da Rede Galega de Teatros. Unha feira non soamente redunda no beneficio do sector, se non que xera economía para a localidade. A intensa actividade de Compostela dilúe o impacto deste evento, descentralizándoo, nun posible eixo cultural Narón-Ferrol -cun importante número de equipamentos- tería unha repercusión multiplicadora, tan necesaria.