Chámome Europa

Roberto Taboada FERROL

NARÓN

Un intre da representación teatral do pasado sábado no Pazo da Cultura de Narón.
Un intre da representación teatral do pasado sábado no Pazo da Cultura de Narón. César toimil< / span>

A produtora canaria Unahoramenos presentou a súa última obra no Pazo da Cultura de Narón

26 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende tempos pretéritos as xentes de Europa movéronse a outros lugares, primeiro pola súa inquedanza colonizadora e espoliadora, «descubrindo» novos territorios en América, África, Ásia ou Oceanía, despois polas necesidades económicas fóronse a facer as Américas. Logo, pola obriga dos conflitos bélicos no territorio europeo, redistribuiríase a poboación. Os actuais países do mundo occidental están formados por persoas de moi diversas orixes, se rañas un pouco na árbore xenealóxica dalgún habitante do continente americano, seguro que atopas un devanceiro ou devanceira de orixe Europea. Mas agora a memoria é ben fraxil? e a Europa esquece o seu pasado.

O sábado presentouse no Pazo da Cultura de Narón «Me llamo Suleimán» da produtora canaria Unahoramenos, sobre o texto -da novela co mesmo título- de Antonio Lozano.

O día anterior, inicio da súa xira peninsular, a presentación foi na Coruña, no Teatro Colón, vertebrándose os lazos de colaboración entre as dúas institucións, asunto que é moi de agradecer (ao igual que a recente e necesaria sinerxia Narón-Ferrol).

Narón ten un longo e estable percorrido no traballo de afianzar públicos, así o demostra a boa resposta que teñen as súas propostas. Hai tamén un feito destacable que é a implicación dos responsables políticos nestas actividades, alí estaban nas súas butacas un concelleiro, unha concelleira e o Alcalde, isto que parece un xesto intranscendente non o é; pola contra pon en valor a actividade.

Vemos moitas imaxes dos mandatarios nun campo de fútbol, nunha praza de touros, porén son poucas ou ningunha nun teatro, nun museo?

O ambiente era moi favorable para gozar dunha tarde teatral, a escena aparecía núa ante nós, todo o espazo do escenario do Pazo estaba aberto, sen aforar. No medio da caixa escénica, cara adiante, un grande muro formado por caixas amoreadas, Muro como o que Europa quere trazar nas súas fronteiras para protexerse.

A peza é un unipersoal -digo aquí unipersoal en vez de monólogo para non confundir co que fan os/as monologuistas- forte e esforzadamente interpretado pola Marta Viera, cunha recoñecida carreira nas Canarias.

Vieira narra, en primeira persoa, a viaxe dende Mali a Melilla do mozo Suleimán (dándolle nome propio a miles de anónimos), a súa devolución ao deserto e a posterior chegada a Canarias en Calluco. Contado a través de Isabel, unha policía nacional española.

A actriz desdóbrase con convición para encarnar a ambas personaxes, acompañada dun audiovisual eficazmente logrado, que utiliza ese Muro como pantalla de proxección e como solución escenográfica, agochando distintos elementos de atrezzo e vestiario e transformándose -segundo as necesidades do relato- nunhas veces en elementos do mobiliario dunha cociña, nunha fachada ou nunha película de animación que ilustra os momentos máis duros da narración.

O público sensible non será indiferente a esta obra, que vai deixar un pouso de reflexión necesario sobre a motivación de aqueles que chegan a nosa Europa.

crónica cultural