A vaxinación ao poder

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

Siro

18 mar 2023 . Actualizado a las 09:43 h.

No Ferrol da miña infancia e adolescencia eramos moi creativos co idioma. Un rapaz do meu barrio, cando se poñía mandón, dicíanos: «Tú no juevas». E xa podías explicarlle mil veces que era «juegas» e non «juevas», que non se corrixía. Outros advertían: «No las tocar!», «No los coger!»; e moitas nais desafiaban os nenos coa zapatilla na man: «Sen bueno!». Caso aparte era o dunha señora finísima que usaba palabras e expresións que as veciñas non entendían. A calquera cousa rara ou ensarillada chamáballe «equinoccio»; e para explicar que todo sucede por unha razón ou outra, dicía «por fas o por nefas».

Os rapaces comparabamos as medras e as forzas, e o máis grande dicía con chulería: «Aínda che como un prato de papas na cabeza»; e o máis forte: «Para seres coma min tes que papar moitas cuncas de caldo». E sen sabelo seguiamos a Valle-Inclán ao trocar refráns como «A palabras necias, oídos sordos» e «Más vale pájaro en mano que ciento volando» e «A sonidos emititidos por laringes inconscientes, trompas de Eustaquio en estado letárgico» e «Más vale volátil en cavidad metacarpiana que la segunda potencia de diez vagando por los espacios». Ata chegamos a definir o peido en latín macarrónico: «Ventus corruptus qui transitan per la vía merdenta. Aliquando facen trono et aliquando non facen trono. Aliquando facen trono, facen ¡Pum!; aliquando non facen trono, facen ¡Puf! Per semper narizotáribus ofenditis».

Eramos soeces e, dos moitos alcumes que usabamos, o peor, o máis ferinte era «cara de cona». A partir del, alguén con moito enxeño creara in illo tempore o despectivo «conacho», e por pudor relegamos algo a outra procacidade. Mais velaí que a parte máis activa do feminismo actual fixo da vaxina bandeira de combate, e unha poeta escribe: «Si el sistema solar cupiera por mi vagina»; outra reza nun acto institucional: «Madre nuestra que estáis en el cielo, sea santificado vuestro coño»; e na recente entrega dos premios Mestre Mateo unha actriz dixo con voz trémula ao recoller o seu: «É a primeira vez que unha muller recibe un mestre mateo por facer e dicir o que lle sae da cona». Despois dirixiuse ás femias presentes: «Quero compartir este premio con todas as incribles, marabillosas, sublimes e inmensas vaxinas que están hoxe neste teatro». E despediuse: «Queridas crecas, queridas vulvas, queridas vaxinas, sodes enormes, somos enormes!». Mágoa non falase comigo porque lle enriquecería o vocabulario con mincha, ameixa, corrancha, papanduxa…

Eu son un vello consciente de que este tempo non é o meu tempo e por iso dou puntadas sen fío, pero coido que nun futuro próximo alguén con humor e sentidiño recollerá a memoria histriónica do presente. E será un éxito.