Carmen Romero, estudante de Arquitectura: «As curvas por excelencia son as ondas do mar»

GALA DACOSTA / A. U. FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

A ferrolá acaba de gañar un galardón polo seu deseño, que será levado a cabo

26 jul 2021 . Actualizado a las 08:32 h.

Carmen Romero Vizoso, estudante de terceiro curso de Arquitectura na CESUGA, acaba de gañar o concurso da empresa portuguesa Materfut en acordo coa universidade, grazas ao seu deseño El mar confidente. O certame promovido pola compañía consistía en que os alumnos da asignatura de Proxectos presentasen propostas de deseños para modelar co material que distribúe Materfut en toda a península, o corian. O seleccionado sería levado ao plano real e exposto no hall. Este é un material innovador, sintético e moi resistente, que habitualmente se emprega para facer revestimentos e construcións. Caracterízase, explica a futura arquitecta, pola súa maleabilidade, polo que decidiu empregar a imaxinación e debuxar bosquexos asimétricos, deseños curvos e figuras arcadas. Fixouse sobre todo en revistas de deseño de mobiliario que lle facilitou a profesora de Proxectos, quen confiou dende moi cedo na idea de Carmen.

Os seus compañeiros optaron por realizar, máis ca nada, revestimentos para superficies, para «darlle unha continuidade ao material». Todos tiveron que presentar ante os representantes da compañía lusa, que decidiron por unanimidade que o deseño máis orixinal e máis plausible era o da ferrolá.

O título do deseño ten un sentido, intenta aunar os coñecementos que ten de arquitectura cun elemento da natureza ao que ten especial aprezo: «Para min as curvas por excelencia son as ondas do mar», afirma Carmen. «A miña intención era facer algo un pouco artístico e crear unha especie de onda do mar en corian». Para plasmar a idea, comezou debuxando unhas liñas curvas a man alzada, para logo pasalas ao ordenador e calcular medidas cun programa de deseño. Comezou a darlles forma, converténdoas en circunferencias e arcos de círculo.