Bonilla a la vista nos Óscar


primeiro Bonilla que fixo churros en Ferrol foi Gonzalo Bonilla Aparici, de familia andaluza, pero ferrolán de nacemento. Casou con Antonia Santomás, irmá de las pajaritas, coñecidas planchadoras especializadas en colos amidonados das camisas de mariños de guerra.

Gonzalo e Antonia tiveron dezasete fillos e para mantelos empezaron a facer churros, que el vendía á porta da igrexa de san Francisco. O maior dos fillos, Chalo, foi quen primeiro puxo unha churrería na cidade e chamouna Churrería Bonilla. Outro irmán, Manolo, marchou de polizón a Buenos Aires, onde tamén exerceu de churreiro e montou El Figón de Bonilla, que aínda existe como restaurante. Salvador, o terceiro, entrou en Mariña e foi cabo de manobra; pero no ano 1932, cando tiña 22, deixou a vida militar para poñer outra churrería, que chamou Bonilla a la vista. A razón de tan estraño nome ten relación coa súa experiencia de mariño no Almirante Cervera, porque, cando o barco viaxaba e quedaba fondeado nos distintos portos de España, era seguro que Salvador perdía a última lancha de regreso e tiña que alugar un bote que o levase. Con noite pecha, preguntaban desde a cuberta: -Alto, ¿quién va?, e el, posto en pé, tentando manter o equilibrio e desenvolver a lingua, respondía: -¡Bonilla a la vista!

Salvador casou con Maria Vázquez, de Maniños, filla de Carmen a Paca, que vendía ameixas no mercado de Ferrol. Ademais de atender a churrería, abriron o Hotel Bonilla, no peirao; e, nos veráns, o Café Alameda, no Cantón, ao pé do palco da música. Aquelas noites de sábado, cos meus pais, no café Alameda, vendo actuar a orquestra contratada por Bonilla e os cantantes afeccionados, son dos recordos máis gratos da miña infancia. Ao peche, o público, posto en pé, cantaba:

El café bar Alameda

es un lugar concurrido

donde el público se queda

satisfecho y complacido.

El buen Bonilla a la vista

del mostrador está al frente.

Su simpatía conquista

al distinguido cliente.

Porén, as cousas non lles foron ben e no 1949 marcharon a Coruña e empezaron de novo no Orzán, traballando día e noite. César, o fillo, da primeira promoción da Escola de Náutica de A Coruña, non chegou a embarcar, para facer o seu turno na churrería e os repartos polas casas; primeiro en bici e logo en moto. Do Orzán pasaron á rúa da Galera, e puideron abrir outra churrería en Vigo. Cando Salvador morreu, no ano 1989, xa César puxera en marcha a fábrica de patacas fritidas Bonilla a la vista, no Polígono de Sabón. César e Lolita, unha parella entrañable, tiveron dous fillos, que estudiaron bioloxía e económicas, pero traballan na empresa familiar.

Todo isto contáballo eu, o pasado verán, ao meu xenro madrileño na chocolatería Bonilla a la vista da rúa Real, na Coruña, ante uns churros que el papou e eu probei, para dar fe de que aínda teñen sabor ferrolán.

As patacas? As patacas son de cine!

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
115 votos
Comentarios

Bonilla a la vista nos Óscar