Discriminadas

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

29 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Despedimos o ano con, polo menos, 48 mulleres asasinadas en España a mans das súas parellas ou ex parellas; cifra á que habería que sumar catro casos en investigación e aqueles que non engrosan os rexistros oficiais porque o asasino non tiña un vínculo afectivo ou sentimental coa vítima.

Estes datos confirman, no ano no que se aprobou o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, os alarmantes niveis de machismo existente no noso país, que alcanzan a súa máxima expresión con estes asasinatos, a trata ou a prostitución. Pero, máis aló desta barbarie, as mulleres sufrimos a diario unha discriminación que se evidencia en case todas as nosas facetas cotiás. E o ámbito laboral é, talvez, no que máis se plasma a desigualdade, cun maior desemprego, precariedade e dificultade á hora de acceder a postos de responsabilidade (o chamado «teito de cristal»).

Ferrol non queda á marxe. Unha cidade xa castigada polo paro e a falta de oportunidades afronta outro grave problema: o da discriminación laboral. Segundo os últimos datos do IGE, as traballadoras a tempo parcial en Ferrol perciben os salarios máis baixos das cidades galegas, o que se traduce en que, por exemplo, a diferenza mensual en nómina con Santiago chega aos 340 euros (4.080 ao ano).

Se a isto lle sumamos a brecha salarial existente entre homes e mulleres, que na nosa cidade se materializa nunha diferenza por hora de 1,3 euros, a conclusión lévanos á necesidade de incrementar as políticas de igualdade desde o Concello, especialmente as dirixidas a fomento do emprego.

E a ver se 2018 é máis xusto e igualitario. É un dos meus desexos.