Frank, o alemán

POR SIRO FERROL

FERROL CIUDAD

siro

Levo cinco anos contando nesta sección as miñas vivencias e lembranzas de ferrolán dende a infancia ao umbral da vellez; e sen embargo, aínda que ninguén fixo tan longa viaxe á nostalxia, non son o primeiro en evocar na prensa un Ferrol que xa non é. Na Voz fíxoo Emilio Ontañón en numerosos artigos sobre personaxes populares que, por razón de idade, recordaba mellor ca min. Mario Couceiro, Vicente Araguas, Carlos Barcón, Nicolás Vidal, Guillermo Llorca? prenderon, noutros medios, a atención do lector falando de feitos, cousas e xentes; pero poucos ferroláns recordarán hoxe as espléndidas Crónicas ferrolanas que o meu amigo Luis Otaduy publicaba en El Ideal Gallego, en 1975. De Otaduy, avogado e escritor, nado en Ferrol en 1930, pero afincado en Madrid dende neno, falei nun artigo desta serie e recordei as súas colaboracións en varias publicacións, con escritores tan prestixiosos como Cela, Sastre, Ángel Valente ou Vázquez Montalbán; pero non dixen que en 1975 eu ilustraba as súas Crónicas ferrolanas, nin que estivemos a punto de facer un libro xuntos coas enxeñosísimas greguerías humorísticas, que tamén publicaba e eu desexaba ilustrar. Fallou a financiación e con ela tan ilusionante proxecto.

Por Luis Otaduy souben de Frank, o alemán; un extraño personaxe moi coñecido e querido naquel Ferrol lóbrego e triste da Guerra Civil, con pouca xente na rúa e os vidros das galerías da Magdalena protexidos con tiras de papel engomado, dispostas en aspa, por temor a que rompesen no caso de atacar a aviación republicana o arsenal militar.

Frank, home de gran cultura e aspecto bohemio, debía de ser un dos moitos espías que daquela pululaban polas rías galegas porque non traballaba, pasaba a mañá esbacoado na peixeira do Casino e as tardes bebendo cuncas de ribeiro e papando percebes, cunha peña de amigos ferroláns, na Jovita e en Casa Mauricio. Tamén acompañaba, servíndolles de guía e intérprete, ás tripulacións dos buques de guerra alemáns atracados no peirao de Curuxeiras; homes altísimos, con uniformes impolutos, a comer queixo de San Simón con pan de broa nunha queixería da rúa do Hospital, próxima á farmacia de Punín.

Rematou a Guerra Civil e empezou a Guerra Mundial; a Frank acabóuselle o choio de espía e tivo que dar clases de alemán para seguer pimplando ribeiro e papando percebes na Jovita e en Casa Mauricio. Pasados catro anos, Frank, cos pantalóns cada vez máis arrugados e a chaqueta máis raída, exerceu por última vez de guía e intérprete nunha experiencia que semella saída dunha película de Berlanga. Foi cando unha corbeta inglesa veu facerse cargo dun barco alemán que chegara avariado. Mentres conviviron en Ferrol, Frank levou a ingleses e alemáns a coñecer a cidade, comer queixo de San Simón e beber ribeiro, primeiro por separado, despois xuntos; e tan ben fixo de intermediario pacificador, que ingleses e alemáns pasaron uns días en leda camaradería, que culiminou na excursión conxunta á Fervenza, en bicicleta ata Xubia e a pé deica o río, cargados de empanadas, sardiñas e ribeiro. No Belelle bañáronse en porrancho, como a nai os trouxo ao mundo, e despois de ben comer e ben beber, fixeron a viaxe de volta a pé, abrazados uns a outros, cantando himnos alemáns e ingleses, turrando das bicicletas. Ese é o gran misterio daquela xornada de confraternización: ¿de onde saíron tantas bicicletas?

Cando os ingleses levaron aos amigos alemáns presos a Inglaterra, Frank ficou en Ferrol, quen sabe por que. Unha noite de inverno aquel home correctísimo enfrontouse á sentinela do Goberno Militar -daquela na rúa de San Diego-, que se viu na obriga de disparar, con resultado de morte. Todo fixo pensar nunha acción premeditada, nun suicidio.

Aquela noite e nas seguintes, en A Jovita e Casa Mauricio os taburetes de Frank ficaron baleiros, e os amigos ferroláns paparon por el unha piña de percebes e unhas cuncas de Pericocho.

siro@siroartista.com