Xaquín Marín: «Rosalía é para min unha referencia permanente, o mesmo que Castelao»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FENE

CESAR TOIMIL

Afirma que «estamos perdendo a capacidade de pensar, de ser críticos coa realidade»

21 jun 2021 . Actualizado a las 09:43 h.

Aos seus 77 anos, Xaquín Marín vén de recibir un novo premio, o Rosalía de Castro. Un galardón concedido polo Deputación da Coruña a raíz dunha proposta que xurdiu en Fene, froito dunha iniciativa do Museo e da área de Normalización Lingüística. Unha proposta que, á súa vez, foi impulsada polo departamento municipal de Cultura. Este galardón vén recoñecer, na práctica, o insubornable compromiso coa lingua e coa cultura de Galicia dun dos fillos «máis ilustres» de Fene (en palabras do alcalde fenés, Juventino Trigo). O rexedor expresou, en nome do concello, a alegría, pola concesión deste recoñecemento a Xaquín, dun municipio sempre vinculado ás artes plásticas, á creación literaria, á música, ao teatro e á historia do país. Rendendo tributo, ademais, a esa tradición, tan galega, de contemplar o mundo con humor. Neste caso, a través dun dos seus grandes debuxantes.

-Que supón para vostede a concesión deste premio?

-Algo moi especial. Un premio que leva o nome de Rosalía de Castro sempre ten para min connotacións que me emocionan. Rosalía é para min unha referencia permanente, o mesmo que Castelao. E alégrame que este premio estea vinculado, sobre todo, ao mundo da lingua de Galicia. Sen lingua galega xa non seriamos o pobo que somos, e creo que iso é algo que non se debería esquecer xamais. Eu veño dunha familia na que non se falaba galego, e coa miña incorporación ao mundo laboral, a través de Astano, fun tomando conciencia do que a lingua galega era alí realmente: unha lingua proletaria.

-Sempre di que Astano foi fundamental para vostede en mil aspectos.

-Si, porque así é. Astano era algo excepcional, unha verdadeira academia, e eu sempre estarei en débeda cos meus compañeiros por todo canto aprendín con eles. Foron moitos anos os que botei traballando en Astano, e teño unha infinidade de recordos inesquecibles de todo aquel tempo. Culturalmente, aquel era un entorno irrepetible. Alí traballou moita xente excepcional.

-E como valora este tempo novo que nos tocou vivir?

-É un tempo moi complicado. Un tempo difícil. A estupidez tamén é unha pandemia, unha pandemia terrible da que non se libra ningún lugar do mundo. Estamos perdendo a capacidade de pensar, de reflexionar, de sermos críticos coa realidade.

-Xa non sabemos mirar lonxe...

-Lonxe...? Xa non sabemos nin mirar! Fíxate na cantidade de persoas que non teñen outro horizonte que pasalo moi ben cando chegue a fin de semana. Ou o que eles pensan que é pasalo moi ben, vaia. Con tal de poder estar bebendo cervexa nunha terraza ata as tantas da mañá, ou con poder andar por aí berrando, parécelles que todo é fantástico. Pero a vida é outra cousa.

-A civilización do ocio...

-Nin sequera iso. Ocio tamén é ler un libro, é ver un cadro, é conversar cos amigos, é intercambiar ideas, é pasear, é escoitar boa música. O embrutecemento de hoxe non irá a ningunha parte.

«Din que todo ten que ser eléctrico, e despois poñen máis cara a electricidade», sinala o gañador do Premio Rosalía de Castro

R.L.

Aínda que a súa mirada sobre a realidade está sempre chea de humor, ou como mínimo de ironía, Xaquín non logra ocultar o desencanto que o envolve nestes momentos. E insiste en que unha sociedade que perde a súa capacidade para reflexionar e protestar, unha sociedade que repite unha e outra vez as consignas de moda sen preguntarse sequera que é o que está a acontecer, é unha sociedade indefensa, aínda que pareza o contrario. «Fíxate no que pasa, por exemplo -comenta-, co recibo da luz. Primeiro din que todo ten que ser eléctrico, fan que enchamos a casa de trebellos que en moitos casos non necesitamos para nada, e despois, cando o conseguen, poñen máis cara a electricidade».

Seguir leyendo