«Din que todo ten que ser eléctrico, e despois poñen máis cara a electricidade», sinala o gañador do Premio Rosalía de Castro

R.L.

FERROL

CESAR TOIMIL

21 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a súa mirada sobre a realidade está sempre chea de humor, ou como mínimo de ironía, Xaquín non logra ocultar o desencanto que o envolve nestes momentos. E insiste en que unha sociedade que perde a súa capacidade para reflexionar e protestar, unha sociedade que repite unha e outra vez as consignas de moda sen preguntarse sequera que é o que está a acontecer, é unha sociedade indefensa, aínda que pareza o contrario. «Fíxate no que pasa, por exemplo -comenta-, co recibo da luz. Primeiro din que todo ten que ser eléctrico, fan que enchamos a casa de trebellos que en moitos casos non necesitamos para nada, e despois, cando o conseguen, poñen máis cara a electricidade».

-Desde a perspectiva que lle dá o paso do tempo, como valora estes momentos que estamos a vivir?

-Creo que vivimos unha época na que o que importa é ternos entretidos, para que a cambio sexamos menos libres do que eramos antes. Non queren cidadáns. Queren consumidores. Queren que compremos e compremos sen parar, que consumamos moito e rápido, que traballemos todo o que poidamos para despois darlles a eles os cartos, e que non nos preguntemos nada. Que deixemos de pensar por completo, e que vivamos pendentes de catro trapalladas que nos contan. Coma se con nós non fose a realidade.