Camilo Casal: «A dos impropios é unha batalla a longo prazo, require educación»

A. F. C. FERROL / LA VOZ

CEDEIRA

O exconselleiro de Medio Ambiente de Cedeira avoga pola compostaxe colectiva para as vilas

01 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Camilo Casal, mestre xubilado, dirixiu a área de Medio Ambiente do Concello de Cedeira durante os últimos catro anos. Agora, afastado da política activa, repasa o traballo feito e as tarefas aínda pendentes. Do mandato, en materia de residuos subliña a instalación de oito colectores de aceite doméstico usado no casco urbano, «que permiten que cada ano, entre catro mil e cinco mil quilos de aceite deixen de ir á depuradora, obturen as tuberías ou alimenten aos roedores».

Casal tamén se sente orgulloso da iniciativa dos composteiros: «Ao principio había certa resistencia, pero agora hai 170 vivendas facendo compostaxe, encantados... Din que nunca tan bos tomates tiveron». Pero hai un apartado no que aínda queda moito camiño por andar. «A dos impropios é unha batalla moi a longo prazo, require moita educación», sostén. Nin as charlas nos centros educativos, nin as exposicións didácticas organizadas desde o Concello serviron para rebaixar a porcentaxe de lixo que os veciños depositan no contedor equivocado: «Hai que concienciar á xente de que por cada tonelada de lixo que chega a Sogama pagamos 70 euros».

Pero máis aló da repercusión económica, Casal, moi crítico con Sogama e co sistema de incineración de residuos, incide no impacto medioambiental. «Basta con mirar o transporte á planta de Cerceda, cantas ducias de camións circulan todos os días desde todos os puntos de Galicia. E en boa parte están transportando auga, porque o 80 % do lixo orgánico é auga», esgrime. E avoga, no caso das vilas, polo fomento da compostaxe de xeito colectivo, con puntos estratéxicos nos que situar os colectores de uso para varios veciños.