Benvidos a Viladoce, un pobo costeiro

Un conto do profesor ferrolán Miguel Anxo Romero, ilustrado por Leandro Lamas, busca concienciar sobre aforro enerxético, consumo sostible e alimentación saudable; estes días chegou ao colexio de Cedeira


CEDEIRA / LA VOZ

María e Mario vivían felices en Viladoce, na costa galega; coñecéranse nunha viaxe ás illas Cíes; el era locutor da TVG e ela artesá. Eran dúas persoas moi concienciadas con canto facían nas súas vidas. Basta con parafrasear as primeiras páxinas de Unha ollada a Viladoce para intuír algunhas mensaxes. O mestre ferrolán Miguel Anxo Romero (Ferrol, 1958) é o autor dos textos do libro, ilustrado por Leandro Lamas (Narón, 1973) e publicado por Edicións Embora. A orixe desta obra, concibida para os escolares de Primaria, está ligada ao colectivo Lapis Verdes.

«Todo naceu do Prestige, fixemos unha marcha reivindicativa en Doniños, eramos un montón de profesores e a partir de aí creamos un grupo para organizar actividades sobre o medio ambiente. Empezamos con exposicións de debuxos, que logo pasaron a unha serie de calendarios, que vendiamos aos concellos, para que os distribuíran entre os centros educativos», conta Romero. Hai pouco, este docente caeu na conta de que era unha mágoa non darlles nova vida ao feixe de láminas que gardaba nalgún caixón da súa casa.

E de aí xurdiu Unha ollada a Viladoce, sen vocación literaria algunha, recalca o autor, que buscaba unha obra «útil para empregar na clase». Esta semana achegouse ás aulas de quinto e sexto do CEIP Nicolás do Río, en Cedeira, da man do concelleiro de Medio Ambiente, o profesor xubilado Camilo Casal, un dos impulsores de Lapis Verdes, do que foi alumno. Este Concello comprou un lote de exemplares para repartir entre os colexiais destes dous cursos (Ferrol, Narón e Fene tamén mercaron volumes).

Por máis que este docente do IES de Fene se empeñe en desmentilo, Una ollada a Viladoce ten estrutura de relato e engancha ao lector desde o parágrafo inicial. Defende os mercados de proximidade, a lactación materna, a alimentación saudable -«é ideal tomar moitas froitas e verduras [...], nefasto encherse de produtos industriais ou de bebidas acuguladas de calorías»-, o aforro enerxético, o consumo responsable -«non é necesario gastar en cousas que soen ser innecesarias, é un auténtico dispendio»-, o transporte público e o uso compartido dos vehículos particulares. María e Mario amosan respecto polo planeta, con pequenos xestos. Pero algo truncou a tranquilidade de Viladoce. O lixo aumentaba máis cada vez máis... E non pararon ata concienciar aos seus veciños da necesidade de separar e reciclar, ao tempo que lles inculcaron novos hábitos alimentarios e o vital papel do exercicio para a saúde.

Mais a historia non remata aquí. Nas últimas páxinas propóñense diversas actividades para os rapaces, todas relacionadas co medio ambiente, a nutrición e o aforro enerxético, dende as matemáticas, a lingua, a música, o debuxo e outras disciplinas.

Romero confesa que se divertiu moito na visita ao colexio cedeirense: «Leveilles unhas fotocopias, coas que tiñan que facer un libriño, e unhas fichas, para un intercambio, como se foran cromos, que recortaron e pegaron». Os mestres que traballen con esta obra teñen unha guía fantástica, con propostas como escoitar o tema de Roberto Carlos Yo quisiera ser civilizado como los animales, debater sobre esta sentenza e debuxar algo inspirado nela.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Benvidos a Viladoce, un pobo costeiro