Miles

Xan R. Silvar EN POSITIVO

CARIÑO

12 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Son miles. Pódense ver en tempo case real en páxinas, como localizatodo ou marinetraffic, coma incensante fila de formigas mariñas -458 no momento que escribo- navegando fronte as costas de Galicia. Hai pesqueiros, enormes tanques transportando petróleo, químicos varios ou contenedores; os máis levan cargas en regra pero outros poden non ser trigo limpo, coma o Modern Express, buque panameño remolcado a Bilbao tras un corrimento da súa carga de madeira presuntamente ilegal, segundo o goberno de Gabón. É fascinante seguir nesas webs a información dos barcos, lembrándonos que por aí, per loca maritima, pasa o groso das mercadurías intercontinentais. Tamén son miles as aves migradoras que, coma os navíos, alternan Norte e Sur, Este e Oeste, transportándose a si mesmas para buscar a mantenza de zonas moi distantes nas estacións favorables. Tamén neste caso a maioría das aves circulan mar adentro lonxe da costa, agás puntos privilexiados para observalas coma a Estaca de Bares. Non lonxe de alí, na vila de Cariño, vanse reunir medio cento de ornitólogos, vidos de lonxanos puntos da Península, para un evento, o Raro Award edición 2016, comentado aquí hai tempo. Con fino humor e moita gastronomía local, vanse desvelar a votada máis rara observación do ano, ademáis da mellor foto e a traxectoria persoal máis recoñecida. Chámenme raro tamén a min, que me pasmo ante tráficos tan dispares, mais quito o sombreiro ante esta equipa -con núcleo duro ferrolán, por certo- capaz de convencer tantos anos seguidos a varias decenas da crema ornitolóxica hispana para facer uns miles de quilómetros a mollarse votando, comendo e observando aves neste Norte deliciosamente tormentoso e sabedor.