Refraneiro topográfico

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

ARES

14 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En Ares non te pares». «En Camouco para pouco...» Pódese facer a volta ciclista a España e recoller perlas de inxenio e «piques» entre aldeas veciñas. No Bierzo, de onde case non podo saír (aínda quedan na montaña cereixas serodias) en Primout cantan «Semos de Primout/onde o sol nunca entrou/ e unha vez que entrou/ nos pasmou». Cando os veciños queren «picar» din de Orellán (por onde as Médulas): «Os de Orellán sempre dan/ a mañán peras/ a mediodía pan con peras/ e á noite peras con pan». Outras veces atopamos ataques duros, penso que con antisemitismo polo pasado xudeu de Los Barrios de Salas: «Gente de los Barrios/ gente de los diablos/ matan a los bueyes/ y aran con cristianos». A cousa vai de que rime e busque amolar. Nos bailes vermut aínda había paz, pero as verbenas con certas músicas e coa carga de viño cacholán remataban en liortas e presenza da Garda Civil: «Matarrosa non val cousa. Penadrada non val nada».

Vilar de Aceiro é por Vilafranca do Bierzo, río Burbia arriba. Esta xente alomenos avisaban e daban consellos piadosos: «Esta gaita é de Vilar/ e o que a toca é de Aceiro/quen a queira romper/ que se confese primeiro».

Tamén están os alcumes. Eran tempos sen eufemismos. Vivín en Mataró (Cataluña) e lembro que lles dicían «cap gros». Nacéralles unha berza no campanario e subiron unha burra para que a comera. España é de músicas varias, versos e ripios, alcumes de «vaia polas ánimas do sulfatorio» e allo en case todas as comidas.