Diversión ata o éxtase na romaría da Fraga: «Todo nesta festa é bastante bravo»
FERROL
Centos de romeiros enchen de vida, tradición e alegría a cita pontesa. «É un sentimento de pertenza que xera moito orgullo», destaca a concelleira de Cultura
26 jul 2026 . Actualizado a las 13:10 h.A máxima estaba clara: divertirse ata o éxtase. E, como cada 25 de xullo, centos de familias e pandillas de amigos acudiron á carballeira de Dona Rita con ese propósito, cumprindo para iso con todos e cada un dos rituais da romaría da Fraga, unha das máis singulares de Galicia. No día grande das festas pontesas non faltaron as típicas cabanas de madeira e pólas de xesta. Tampouco os divertidos mergullos no río Eume. Nin, por suposto, as imprescindibles reboladas no barro e as «choivas» con todo tipo de bebidas para tinguir de cores as camisetas. Malia que o parte meteorolóxico prevía choivas para a xornada, ao fío das tres da tarde non caera nin unha pinga de auga e a carballeira era un fervedoiro de festa, viño e diversión.
«Todo nesta romaría é bastante bravo. Se o queres pasar ben, este é o sitio perfecto», comentaba Carlos, un visitante ao que as guerras de calimocho e viño colleron por sorpresa. «Se o soubese, traía unha camiseta máis vella», ría entre a multitude.
Os nenos participaban na batalla armados con pistolas e escopetas de auga, mentres no escenario os músicos de Festicultores Troupe provocaban a euforia da mocidade ao ritmo do seu ska na sesión vermú. A xornada tamén inclúe a tradicional misa en honra do Apóstolo Santiago, postos de comida e venda ambulante, pasarrúas coa Batukada Latexo Percusión e a gran actuación da orquestra Triunfo xa de noite, como o colofón perfecto das Festas do Carme e da Fraga deste 2026.
A primeira hora tarde, a concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, desbordaba entusiasmo. «Estamos moi contentos porque veu moita xente e respírase moi bo ambiente», comentaba. Como o resto dos ponteses, a edila di que A Fraga non se pode explicar, «hai que vivila». «É que isto é moito máis ca unha festa; é un sentimento de pertenza que xera moito orgullo», condensaba en poucas palabras. Se dona Rita puidese ver en que se converteu a súa modesta fraga, aquel anaco de monte que xenerosamente doou aos seus veciños, probablemente non daría crédito. Porque poucas festas resultan tan apoteósicas, máxicas e divertidas coma A Fraga.