Fina Roca: «A poesía sempre foi para min un xeito de expresar o que de verdade sinto»
FERROL
A escritora, natural de Canido, publica un novo libro, «Lóstregos de orballo»
09 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Fina Roca, que naceu en Canido en 1947, que pasou boa parte da súa infancia en Santa Mariña, que despois residiu durante unha etapa moi importante da súa vida en Viveiro e que agora vive na Coruña, retornou o venres a Ferrol para presentar no Ateneo, con Siro, un libro que se parece a moi poucos libros: Lóstregos de orballo. Un volume que é un poemario e, á vez, unha verdadeira peza artística deseñada por Carolina Núñez Roca, filla de Fina.
—Un libro singular...
—Si, un libro a dúas voces, que recolle poemas do tempo da miña xuventude, versos de poemarios que permanecían inéditos, e ademais todas esas imaxes, coma nun álbum persoal. Un libro que, grazas ao labor da miña filla, e a como o deseñou, é o que é.
—Se lle pregunto pola súa infancia, cales son as primeiras imaxes que lle veñen ao pensamento?
—A casa nacín en Canido xa non existe, xa non está. Pero de Santa Mariña, que na miña nenez era un lugar cheo de hortas, teño moitos máis recordos. Alí foi onde aprendín a ler a escribir. Recordo moito aquela escola á que eu ía tan contenta, como recordo tamén os camiños entre as hortas, polos que eu ía cantando. Foi un fermoso tempo.
—Que é, para vostede, a poesía?
—A poesía para min sempre foi un xeito de expresar o que de verdade sinto.
—Pero ata agora apenas publicara versos...
—Así é. Publiquei cousas moi diferentes. Pero a poesía estaba aí. Tiña poemarios inéditos que fun gardando para min mentres o tempo pasaba. E agora chegou un momento da miña vida, tras deixar atrás momentos moi difíciles, nos que creo que xa é hora de dar a coñecer eses versos, de ir rescatando todo ese material.
—É certo que o noso tempo está deixando de amar os libros, ten vostede tamén esa sensación?
—Eu diría que hoxe se ten menos aprezo pola literatura do que se tivo no pasado. Cousa coa que ten moito que ver o ensino, como eu xa advertín cando aínda estaba en activo como docente. O amor pola lectura e polos libros hai que fomentalo. Cousa que eu, por certo, sempre procurei facer ao longo dunha vida enteira dedicada ao ensino. A educación tería que servir para ensinar a amar a creación literaria e o coñecemento, como tería que servir para fomentar o espírito crítico.
—Que está lendo vostede agora?
—Estou lendo unha novela, Medio sol amarillo, de Chimamanda Ngozi Adichie.
—Que non deberiamos esquecer neste tempo novo que nos tocou vivir?
—Non deberiamos esquecer a importancia de amar a liberdade, de saber aprezar o que significa ser libre. E tamén teriamos que lembrar que os insultos non axudan, precisamente, a convivir.