BNG e Ferrol en Común apoian a Bruno Lopes tras ser citado nos xulgados por publicar uns tuits contra Israel

La Voz FERROL / LA VOZ

FERROL

Bruno Lopes, nunha intervención no pleno de Ferrol
Bruno Lopes, nunha intervención no pleno de Ferrol JOSE PARDO

O ferrolán tamén recibiu o respaldo da asociación veciñal de Canido e Muíño do Vento

09 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A través dun comunicado, o BNG de Ferrol amosa o seu apoio «ao noso compañeiro Bruno Lopes Teixeiro diante da acusación que pesa contra el por denunciar o xenocidio de Israel co pobo palestino». Lopes Teixeiro foi citado para declarar como investigado nos Xulgados de Ferrol, despois dunha denuncia interposta pola Garda Civil contra a súa persoa. A investigación por un presunto delito de odio iniciouse porque publicou na rede social X varios tuits contra Israel. Nun deles di: «Nem um só dia sem desejar a destruçom do Estado sionista». Ferrol en Común, a asociación veciñal de Canido e Muíño do Vento tamén se solidarizaron con Bruno Lopes.

Ferrol en Común demanda «que os servidores públicos arquiven un procedemento inxusto contra Bruno Lopes e non sigan os ditados de aqueles que xustifican un xenocidio brutal que a historia condenará».

A executiva comarcal do BNG, a través da portavoz Pilar Lozano, recalca que «estamos diante dunha persecución política e unha montaxe policial por parte da Garda Civil, denunciar o xenocidio en Palestina non é un delito senón un mínimo democrático». E tamén pide o arquivo do procedemento.

A asociación veciñal de Canido e Muíño do Vento, nun comunicado conxunto, quixeron «amosar o noso apoio público e a nosa solidariedade con Bruno, así como manifestar a nosa preocupación polo que parece un intento de limitar a nosa liberdade de expresión; falamos do que constitúe unha persecución de activistas e persoas así como colectivos simplemente por defender os dereitos do pobo palestino».