A toponimia dun paraíso

FERROL

As Fragas do Eume visten de outono. Carballos, freixos ou chopos locen con fachenda os seus abrigos de musgo enriba dunha alfombra de follas. Escritos en madeira están os topónimos das beiras do Eume.

11 ene 2022 . Actualizado a las 16:50 h.

Ombre. É o primeiro nome que chama a atención. Chamoulla xa ao Pai Sarmiento que fixo unha lista dos máis de 30 topónimos galegos acabados en -bre ou -obe e vencellounos á cultura sueva ou visigoda. A parroquia de Santa María de Ombre pertence a Pontedeume e no quilómetro cinco da estrada de Ombre figura a dirección das fragas. É unha das entradas ao parque natural e baixa ata a beira do Eume [topónimo trimilenario, explica un vídeo de Toponimia de Galicia, xa que os nomes dos ríos son as palabras máis antigas]. Esa estreita estrada é un túnel vexetal ao longo de varios quilómetros. Camiñar por esa beira do Eume, polo asfalto, ou, cruzando calquera das pontes, polo que un día foi camiño de pescadores, é moverse dentro dunha xoia única da natureza atlántica.

Na ribeira van aparecendo os topónimos: Pescodado, O Bacel, Estrille, O Corvo, Avarento, Chao Roival, Ferrerías, Os Morcegos, Ghosende, As Cañotas... Topónimos dun paraíso natural, aínda que os veciños das fragas leven 20 anos de purgatorio agardando por un prometido plan de usos e conservación do parque natural.

Ao carón dos carteis de madeira nos que están escritos os nomes dos lugares as árbores míranse no espello do río, e meten as raíces na auga. Dan ganas de imitar a Jerónimo Melrinho, avó de Saramago, que cando viu que ía morrer foi abrazando as árbores da horta, unha por unha.

Entre as 20 especies de fentos ou as 200 de liques, as Fragas do Eume gardan o secreto dun patrimonio inmaterial como é o dos topónimos. Iván Méndez, un dos colaboradores do proxecto da Real Academia Galega (RAG) Toponimia de Galicia apunta que en Monfero hai 5.099 topónimos e A Capela ten 1.595. Son dous dos cinco concellos que ocupan as fragas.

Un topónimo por cada galego?

Os datos do Instituto Nacional de Estatística din que Monfero ten 1.902 habitantes e A Capela 1.221. Isto leva a preguntarse se na comunidade galega, hai tantos topónimos como habitantes? Galicia é un paraíso dos topónimos. Víctor Freixanes, presidente da RAG, lembra que Otero Pedrayo dicía que había tres millóns. O Seminario de Onomástica da RAG «leva moitos anos traballando na recuperación do patrimonio histórico que significan os nomes de lugares e entidades de poboación, accidentes xeográficos...». Unha ollada a lugares de Monfero e A Capela amosa unha historia detrás de cada nome: Rego da Cancela Vella, A Braña dos Mouros, A Corredoira da Lama, A Cova do Raposo, A Testa das Anilladas, O Polón, O Porto da Teixeira, Os Pameliques, Os Roxedoiros...

Desde o equipo técnico de toponimia da RAG, que coordina Vicente Feijoo, comentaban que, co traballo da plataforma Galicia Nomeada dos encontros con veciños [que pararon na pandemia, pero que xa se fixeron en máis de 50 concellos] e as achegas de particulares, estarían moi satisfeitos se recuperaran dous millóns de topónimos. Xa suman máis de medio millón con menos do 40 por cento do territorio peneirado. A cifra dá conta da «excepcionalidade dun patrimonio inmaterial que constitúe unha parte fundamental da nosa memoria histórica», dicía Freixanes. A poboación de Galicia é de 2.700.000 persoas. Aínda que non haxa un nome para cada galego, non cabe dúbida de que aos seus paraísos naturais, como as Fragas do Eume, Galicia suma outro: o da toponimia.