Un delirio de sinais

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Finou o señor Braulio, de Valdefrancos, pobo que está subindo a Santiago de Peñalba, (igrexa mozárabe preciosa). Este home vendía noces no mercado e cando volvía na bici, máis vella ca el, arramplaba con algún sinal de tráfico. Sementou o camiño do Souto dos frades de «ceda o paso», «50 por hora», «stop», «curva á dereita», e outros con vacas e gando solto, os preferidos del.

Este camiño de monte duns cincocentos metros parecía unha exposición moderna e surreal ou un museo do tráfico absurdo. O primeiro sinal é de curva á dereita. Está no cruce e avisa da dirección cara ao souto de cañotas xigantes. Veñen deseguido os do gando solto, con vacas e unha de aviso de escola: os nenos á carreira cos cabases da nosa infancia. O señor Braulio chegou cargar cun semáforo verde antigo dos de viseira. Está chantado na entrada mesma do souto. Agora que o home morreu non sei onda vai ir tanta chatarra. Os sinais perderon o significado misterioso que para él tiñan. E perderán os repintados e toques de minio contra o ferruxe. O curioso do caso é que a autoridade sabía destas mangancias do señor Braulio e, non constando denuncia formal, deixou facer.

O sitio é de paso para ciclistas de montaña e os que compiten coma ofrecidos correndo por aqueles riscos. Suben e baixan a Aquiana e as rochas de Ferradillo a todo meter (1.850 metros).

Acordeime desta platanción de sinais de tráfico lendo un texto en dialecto inclusivo. Un enguedello de sinais con significado simbólico delirante.