Invocacións relixiosas

Eduardo Fra

FERROL

27 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Un familiar que vive en USA cóntame que o novo presidente, Joe Biden, foi rezar á igrexa católica de san Mateo. Non á igrexa anglicana, chamada igrexa dos presidentes. A de San Mateo é de católicos e frecuentada por negros. De aí saíu o primeiro cardeal negro católico.

O director espiritual de Biden é xesuita. Unha revista xesuita explicou ao público norteamericano as diferencias ideolóxicas que hai dentro do catolicismo.

En España sorprenden, ademais da fervenza de voz de Lady Gaga, as invocacións relixiosas dos políticos americanos. É unha tradición que case ninguén pretende esquecer. O cristianismo está na base do pensamento antiesclavista ao nivel das ideas do humanismo racionalista do século XVIII. O pensamento cristiá (e a moral) inspira a política antiracista contra o chamado supremacismo branco. Parte da política social ten alí unha tradición relixiosa. Alimenta a conciencia de que USA é un país multiétnico. «Todos os homes son iguais e igualmente todos fillos de Deus». Isto significa que non hai un pobo elixido en exclusiva.

Podemos comprobar que o cristianismo é activo nas políticas progresistas e feministas, aínda que tamén aparece na retórica das políticas ultraconservadoras de Trump (e outros políticos da súa contorna).

Na miña maneira de ver as invocacións constantes en USA ao cristianismo contrastan co ambiente antirelixioso que se ve nas tendencias da esquerda española, que deixan para a extrema dereita os votos da suposta defensa do cristianismo.