El niño de la Guardia

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

21 ene 2021 . Actualizado a las 20:54 h.

Na Guardia (Toledo) veneran ao «Santo Niño de La Guardia». O neno «foi» crucificado por xudeus e conversos seguindo a paixón de Cristo. Non houbo tal crucifixión. Foi un bulo fabricado por predicadores en 1480. O antisemitismo e os seus promotores están na base da expulsión de 1492. Os xesuítas foi a orde que máis bulos sufriu. Aínda na II República española alguén divulgou que envelenaban caramelos para repartillelos a cativos de barrios obreiros. Un xesuita díxome que dende o OPUS DEI, «a Compañía» algo descansara dos bulos. Na I Guerra Carlista, coincidindo coa epidemia de cólera, os liberais divulgaron bulos de que os freires envelenaban pozos e fontes. que causaban a enfermidade. Os bulos contra «chivos expiatorios» son innumerables. Para non dispersarse dous dominicos escribiron o «Malleus Maleficarum» ou guía para detectar e perseguir a bruxas e bruxos endemoniados. Chegou ser libro oficial de inquisidores.

Veume por casa un electricista, enmascarado, e mentres fedellaba no cadro eléctrico «largou» contra os chineses, espalladores do virus. Deixeille falar, porque daba co arquetipo do «buleiro» auténtico. Pero -levaba dez minutos «largando» sen que lle estorbara o traballo- dos chineses pasou ás farmacéuticas que estaban a se forrar coas vacinas falsas. Todo rematou cando lle dixen se o fluído eléctrico non era o causante das enfermidades dos nervios. Non llo esperaba de min e miroume como quen mira a un pobre ser primitivo que non cre na ciencia.