Mirando aos animais recoñecemos o parentesco. Moitas institucións sociais teñen un recordo dos instintos primarios. Un que deixou pegada é o do xefe da manada, o macho procreador e dominador de femias. Diante del os varóns teñen que baixar a cabeza ( e «o coso» de procrear).
Que os reis teñan mulleres a esgalla e fagan exhibición da súa capacidade “conquistadora” ten moito de instinto. Non so comprendemos ese poder de semental. Mesmo é cousa de admirar e consentir.
Entre os monarcas españois hai casos portentosos. Afonso VI casou varias veces.
Sempre foron matrimonios de interese político e calculado. Tivo amantes varias.
Ximena Muñoz, que era do Bierzo, na súa lápida deixou escrito tal estado de amante do Rei.
Dela naceu Tareixa, que casou con Enrique de Borgoña. Afonso VI deulles como dote o condado de Portugal. Tareixa non quería ser menos ca irmanastra Urraca e ás bravas titulouse “Regina”.
Así nasceu o reino de Portugal. Moitos reinos xurdiron da potencia sexual dos reis, porque os caudillos teñen que demostrar “urbi e orbi” que son poderosos en todo.
Somos tan primarios (e tan primates) que consideramos que o sexo mide a potencia e o poder.
O poder medímolo case sempre con ese termómetro da entreperna.
Queremos ser civilizados e separar as cousas do sexo da política e dicimos que o sexo pertence á vida privada.
Mais nos perde a exhibición do poder. Os poderosos non o parecen se non practican o dereito de pernada. A Historia ten explicacións sexuais.