Violencia obscena

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

03 nov 2020 . Actualizado a las 23:06 h.

España é obscena en violencias e pudorosa en sexo. Hai arroutadas sexuais. Obscenidades exhibicionistas, mais recoñezamos que domina o pudor e a privacidade. Alomenos oficialmente. Temos moita historia exhibicionista en violencias. Por contra para o sexo temos horarios e literatura semi clandestina. Comparemos a circulación das películas violentas, chamadas curiosamente «de acción». Os debuxos animados dos cativos ferven en trompazos. Curiosamente quitaron das televisións públicas a exhibición dos combates de boxeo. Para observadores neutrais o boxeo con público viña sendo como se houbese espectáculos eróticos tipo Kamasutra ou Ars amandi. La Iliada, educadora da Grecia clásica é un catálogo de violencias guerreiras. A Biblia é unha enciclopedia. Por que se educa e exhibimos a violencia tanto física como de palabra? E por que agochamos o sexo? Non teño resposta. Os psicólogos andan no tema pero aínda non deron unha explicación satisfactoria. Sabemos que a violencia causa danos inmediatos. Por contra os danos do sexo aínda están por demostrar a non ser que nos dea polo contorsionismo e non midamos nin forzas nin equilibrios. E tamén o sexo é practicado como acto violento. Por qué hai exhibición da violencia física e verbal? Por que non a consideramos obscena? As xentes que practican insultos, escraches, acosos, pelexas, linchamentos ou manifestacións vandálicas obteñen praceres que superan aos do sexo. E o exhibicionismo parece ser un plus necesario.