Francisco Pérez Porto: «Eu amo tanto a cerámica porque é filla da terra, igual que o somos nós»

Ramón Loureiro Calvo
ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL

kiko delgado

Afirma que «a maior maxia de Merlín é terse convertido a si mesmo en realidade»

27 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Pérez Porto naceu no ano 1938 en Barallobre, parroquia fenesa intimamente vencellada ao mundo do mar e fortemente arraigada, tamén, no máis fondo da historia galega, como ben lembran algunhas pedras de armas -silentes testemuñas das axetreadas vidas dos cabaleiros doutro tempo- que alí aínda se conservan. Naceu, o ceramista, non moi lonxe de onde estaba o fermoso pazo -unha construción señorial da que hoxe só quedan a memoria e as lendas- que contemplaba a ría desde o alto, a cen pasos da igrexa consagrada ao Apóstolo Santiago. E medrou, á beira de seu pai, o poeta Pérez Parallé, nun entorno no que se veneraba todo canto, dun xeito ou doutro, fai de Galicia un lugar irrepetible. Traballador de Astano durante a súa xuventude, a súa vocación artística levouno enseguida ao mundo da cerámica, que cultivou -durante unha etapa fundamental da súa carreira- en estreita colaboración do grupo Sargadelos. Agora está a piques de contar cun museo que levará o seu nome e que estará dedicado á súa obra. O museo que estará en Esmelle.

-¿Que significa, para vostede, a creación dese museo?

-A creación do museo de Esmelle é unha das cousas máis bonitas que me pasaron na miña vida. Nin sequera sei moi ben qué dicir, porque ante algo así xa nin sequera atopas as palabras. Hai lugares que son especiais, como hai xente moi especial tamén, da mesma maneira. Ese é o caso de Esmelle e da xente de Esmelle. Cando un artista ve que lle queren tanto ao que fai, o que sente é unha emoción inmensa..

-¿De onde vén a súa paixón pola cerámica?

-Pois mira, eu amo tanto a cerámica porque é filla da terra, igual que o somos nós. E alégrame ter contribuído a que moita xente se dese conta, por fin, da importancia que ten como forma de expresión artística.

-¿Houbo un cambio, nese sentido?

-¡Por suposto...! Aquí, en Galicia, había moitísima xente que vía a cerámica como algo que valía nada máis que para facer cacharros. Pero, por fortuna, iso foi cambiando. E cambiou moi rápido, ademais. Lembro que cando fixen a miña primeira exposición, a finais dos anos 70, no Casino de Ferrol, a xente xa recibiu a cerámica con moitísimo entusiasmo. Levei 150 pezas a aquela mostra, e vendéronse absolutamente todas.

-Nas súas creacións hai, a miúdo, un diálogo aberto, e moi intenso, co mundo das letras, da literatura. Se tivese que elixir un personaxe entre os que sente máis próximos, ¿cal sería?

-Merlín, sen dúbida. Un personaxe fabuloso. A maior maxia de Merlín é terse convertido a si mesmo en realidade. Haberá poucos libros que falen del que eu non teña. E Merlín é algo que me une dun xeito moi especial a Esmelle, ademais. Alí está o Merlín que eu creei, asomándose á ventá para saudar, agarimosamente, a todos os que pasan.