«Un ceramista, como creador, segue un proceso no que sempre hai algo de incertidume», di Pérez Porto

La Voz

LUGO CIUDAD

kiko delgado

27 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Pérez Porto, a quen os amigos chaman sempre Fran, afirma que «un ceramista, como creador, segue un proceso no que sempre hai algo de incertidume», porque «calquera peza pode chegar a non lograrse».

-¿A que se refire vostede, exactamente?

-Refírome ao feito do que é moi fácil que unha peza che rompa no forno. Cando pensas que todo vai polo bo camiño, pode non ser así. O ceramista é un creador que se desenvolve nun entorno no que hai un compoñente tecnolóxico moi importante. Pero a min iso tamén me fascina. Todo o que envolve a creación dunha peza de cerámica segue a parecerme tan marabilloso coma o primeiro día.

-¿Que pezas son as que se van expoñer en Esmelle?

-Haberá pezas de distintas épocas. Pero todas da miña colección particular, que estarán aí en réxeme de cesión. Hai que ter en conta que case toda a miña obra, despois de tantos anos de traballo, está en coleccións privadas, en museos e en institucións de diferente tipo. De maneira que os fondos que permanecerán en Esmelle terei que seleccionalos entre a cerámica que conservei comigo. Por certo, o que si me gustaría dicir...

-Cónteme

-É que estou moi agradecido. Estoulles moi agradecido aos veciños todos de Esmelle. En especial aos que fixeron posible a rehabilitación do inmoble que vai acoller o museo, e por suposto á propietaria dese inmoble, que o cedeu para que o museo estivese alí.

-¿Cal será o seu próximo proxecto?

-O meu próximo proxecto será unha exposición no Museo Provincial de Lugo. E a fonte que se vai inaugurar tamén en Lugo, que é unha fonte coa que lles rendo unha homenaxe ás lavandeiras.