Policía preventiva

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Un policía xubilado cóntame que as patrullas nocturnas, os enlaces infiltrados (topos) en ambientes de delincuentes, os informadores aos que hai que pagar, o coñecemento do mundo do hampa... son traballos preventivos necesarios. Hai roubos, certo, pero cantos outros se evitan precisamente con esas accións preventivas? Mais os roubos e crimes evitados, como non existiron, non son aplaudidos. Coa acción antiterrorista pasa igual. Cantas vidas se salvan grazas ás accións preventivas, desarticulando grupos que estaban a piques de cometer un atentado? E coa medicina preventiva evitamos moitas enfermidades. Esta obviedade haina que repetir moitas veces, porque aínda non somos conscientes da súa importancia. Na pandemia actual hai medidas preventivas. O acto de lavarse as mans salva vidas. Desinfectar vinte veces ao día un supermercado é eficaz.

O confinamento foi unha medida preventiva e salvou miles de vidas. Cantos miles de vidas? Os matemáticos fixeron simulacións no caso de non ter realizado o confinamento. Que cada quen pense na súa propia vida, e na vida de familiares... Se un político retira fondos de policía preventiva contra grupos terroristas diremos que toleou ou que é un irresponsable perigoso. En USA, por exemplo, non cren nas accións preventivas sanitarias. Falsean cifras de contaxios e mortos. Coa propaganda tápase todo. En España levamos anos imitando o estilo da política americana. Unha confusión que quere contaxiar da súa confusión a todo o mundo.