Os segredos do castelo de Naraío

ana f. cuba SAN SADURNIÑO / LA VOZ

FERROL

CÉSAR GALDO

Trala terceira intervención xa se pode acceder ao alto da fortaleza medieval para ver o val do río Castro. Os traballos evidenciaron as dimensións reais da edificación

16 mar 2020 . Actualizado a las 08:44 h.

Cesárea García, ao fronte do bar O Campo desde hai 30 anos, é a única da súa familia que non subiu ao castelo desde que remataron as últimas obras, hai tres semanas. «Aínda non fun, trouxeron fotos e quedou moi ben, as vistas son estupendas. De momento aínda non se nota moito, pero creo que de cara á Semana Santa e ao verán si que virá máis xente velo», vaticina. En Naraío hai dúas tabernas, un río, un festival, unha fortaleza e moreas de talento e espírito reivindicativo. «O Festival do Río Castro [que camiña cara á vixésimo sétima edición] valeu de plataforma contra os vertidos do río, en defensa do patrimonio natural e tamén do histórico», recorda Manuel Varela, expresidente da Asociación de Veciños O Castelo de Naraío, veciño desta parroquia de San Sadurniño e concelleiro de Desenvolvemento Local.

O colectivo impulsou as primeiras accións para recuperar a fortaleza, devorada polos toxos e as silvas. «Recolléramos sinaturas para mandar ao Ministerio de Cultura, solicitando a inclusión do castelo no financiamento do 1 % cultural [que agora é o 1,5 %, destinado á conservación do patrimonio]. Tamén mandáramos un escrito á Consellería de Cultura advertindo do risco de que caeran pedras da zona do faladoiro. A raíz de aquilo viñeran velo e apuntalárano», repasa Varela. O arquitecto que acudiu daquela a Naraío, por indicación do propio presidente da Xunta, Manuel Fraga, foi o autor do proxecto que se executou agora.

«O criterio principal foi consolidar a ruína e facer visitable un castelo moi singular, intacto na súa morfoloxía a pesar dos espolios, posto que nunca foi modificado ao longo do tempo, coma outras. Quedou abandonado durante moitos anos e agora estamos atopando solucións construtivas sobre como se traballaba na época medieval. Naraío aínda nos depara moitas sorpresas», recoñecía Alonso ao finalizar os traballos da terceira fase de rehabilitación da fortaleza. A Deputación (80 %) e o Concello de San Sadurniño (20 %) financiaron as obras, por 170.000 euros.

Ramón Loureiro

«Teño 42 anos e, de pequena, era un mamotreto de pedras e ramallos, inaccesible, ao que ninguén lle daba importancia. E de repente xa o consideramos como algo que foi parte da nosa historia. Non nos deramos conta», recoñece Almudena Veiga, actual presidenta do colectivo veciñal. «Agora flipas co inmenso que tivo que ser -afonda-, desde a torre pódelo imaxinar, e dáste conta do traballo que tivo que levar construílo [...]. Mágoa do deterioro, que impide utilizalo». Nesta última actuación «mellorouse a accesibilidade e a seguridade, acondicionáronse sendeiros, instaláronse varandas disuasorias e, o máis rechamante, armouse unha estrutura interior que permite subir ao curuto da torre e admirar desde alí unha fantástica panorámica do Saíme e parte do val do Castro», describen desde o Concello. «É unha continuación das obras iniciadas en 2008 [promovidas polo BNG desde a oposición, como lembra Varela]. Faltaba poder visitar o castelo sen riscos e poñelo en valor», subliñou o alcalde, Secundino García. Xa houbo visitas durante as obras e o vicepresidente provincial e deputado de Turismo, Xosé Regueira, avanzou outro proxecto: «Unha recreación virtual da edificación orixinal [...], para afondar nun maior coñecemento da historia da fortaleza, cun potencial iconográfico digno de valorar». O rexedor quixo deixar claro que vai haber máis intervencións, «para consolidar partes, facer pequenas reconstrucións e consolidar unhas ruínas moi atractivas». Tanto que Cesárea espera gañar clientes. Xa ten gañas de subir. Di que desde alí vese ata a súa casa.