Voluntaria de A Coruña
09 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Estudante de Filosofía e labrega, Belén Rey Cabrejo (A Coruña, 26 anos) cultiva a horta en Elviña -«resiste»- e está empezando a investigar a permacultura (sistema agrario e socioeconómico baseado no ecosistema natural). Hai un par de anos que se fixo voluntaria.
-Que lle chamou a atención?
-Coñecín o proxecto Lewo, polo meu interese pola natureza, e entrei no de voluntariado de festivais porque tamén me interesa.
-Que fan nun festival de música?
-Depende do festival e da organización. No Revenidas (Vilagarcía) e no SonRías Baixas (Bueu), asesorar ao público sobre as actividades paralelas aos concertos. No Son do Camiño (Santiago), indicabámoslle á xente onde estaba o punto de información xuvenil da Xunta e resolviamos dúbidas sobre as actuacións. Tamén informabamos dos puntos violeta (espazos de axuda ás mulleres). Iamos en grupos, por quendas. Ese é un dos valores máis grandes dos festivais, poder atopar xente cos teus mesmos intereses.
-E no tema medioambiental?
-Interésame moito dar a coñecer o traballo dos colectivos locais. Ti vas unha fin de semana, pero eles están o resto do ano.
-Que a move?
-É algo moi persoal. O obxectivo principal é sentir que estás empregando o teu tempo en facer algo que sexa bo para todos, que che fai ben a ti e aos demais. Poder axudar a coidar esas árbores e recuperar eses camiños, coma no caso da illa de Cortegada.
-Que ten agora por diante?
-Estou coa vontade de recuperar terras da man de persoas que as traballaron hai 50 anos, é moi importante esa transmisión de saberes entre xeracións.