Ana M.ª Buján: «Cando ti aportas algo prodúcese unha satisfacción no sentido humanitario, é unha necesidade»

FERROL

Voluntaria de Santiago

09 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana M.ª Buján (Santiago, 60 anos), funcionaria da Xunta, leva case 40 anos dedicando tempo ao voluntariado social, en varios países, e ao medioambiental, en Galicia.

-Como se iniciou nisto?

-Comecei de xeito particular, coma unha práctica social cos que te rodean. E despois dixen ‘xa que me gusta e me satisfai tamén a min, teño que preguntar’, e atopei a congregación das Misioneiras de Teresa de Calcuta. Con elas estiven en Madrid atendendo enfermos de sida. Estiven en Setúbal (Portugal) con menores discapacitados físicos e psíquicos. En Marsella traballei nunha casa de acollida de mulleres inmigrantes ilegais maltratadas...

-E como se xestiona despois o impacto emocional?

-Pásache factura, non o podes facer cada pouco, precisas tempo para rearmarte. Non llo aconsello a calquera, ten que haber un proceso de reparación emocional. Quería facer algo así en Perú, pero vouno aparcar uns aniños. Podes ser voluntario de moitas maneiras, cada un cos seus límites.

-Mesmo no máis inmediato, con tanta xente maior que vive soa.

-É un dos males deste século, a soidade imposta de moita xente. Falar con alguén é unha maneira de solidariedade e xenerosidade.

-Que lle din a familia e os amigos?

-Antes sempre dedicaba dez días ao voluntariado social, dez ao ambiental e o resto, para min. O meu entorno enténdeo e arrástroos, a amigas, ás miñas fillas e aos fillos das miñas amigas.

-Por que o fai?

-Hai vontade de transformación, de favorecer á xente excluída, aportar un gran de area. A xente que somos voluntarios temos unha retroalimentación. Cando ti aportas algo prodúcese unha satisfacción, nun sentido humanitario, é unha necesidade. Parece que es útil. Non o vexo coma un sacrificio, a ti apórtache.

-Canto tempo leva?

-Preto de 40 anos. Ser voluntario non é facer algo un día na túa vida, hai que ter unha constancia para ver que ten unha utilidade.

-Hai recoñecemento social?

-Ás veces non. Mesmo nalgún concello non te acollen ben porque pensan que vas ocupar un posto de traballo. E non é esa a nosa función, senón chegar onde a administración non chega. En lugares máis apartados están encantados e acóllente na casa.