Non son digno

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

22 ene 2020 . Actualizado a las 09:05 h.

A primeira vez debeu ser unha conmoción, cando alguén máis astuto na manda de primates exmusicándose esclamou: «Non quero ser o xefe, pero se insistides...». O disimulo foi un primeiro paso da cultura humana. Logo viñeron en cadea outros enganos e máscaras e o ambiente quedou enrarecido e nunca máis volveu a inocencia. Se a mentira desaparecera, a civilización había caer a peso. Na Igrexa católica, gran mestra, hai unha cortesía sutil cada vez que elixe a un bispo ou a un papa. O elixido proclama ser indigno de tal honor. Algunha vez deu fuxido e aínda que o buscaron para poñerlle a tiara non deron con el. Tampouco se insistía moito. Nas cartas papais aparecen estas frases: «Eu, Inocencio (un exemplo) indigno sucesor de Pedro, servo dos servos de Deus...». Esta cortesía fáinos graza. Non estorba. É como a graxa lubricante da maquinaria. Contáronme que unha ministra actual das noviñas, cando a chamaron para tal, se negou en redondo a aceptar. En redondo ou nalgunha outra figura xeométrica. Aceptou, despois de que o xefe lle rogara... O cal di moito da electa, porque segue unha tradición vella e civilizada. Destas cousas se sabe polos escritos, as epístolas, as memorias pouco neutrais, ou se algún criado (a) chegou escoitar os aspaventos da negación do humilde elixido (a). É bonito cando se acepta o honor, e máis a paga, e di: «Acepto porque mo pides, porque é un servizo á patria... por responsabilidade». A aceptación é outro ritual vello como as máscaras.