Paraísos

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

13 feb 2019 . Actualizado a las 10:51 h.

Os homes queren escapar da dura realidade e imaxinan paraísos. O primeiro foi o Paraíso perdido, por culpa do que todos sabemos. Despois viñeron paraísos aparentemente máis cercanos. Se estás na cidade o paraíso é un campo idílico. A Arcadia feliz. Volver cara atrás pensando que daquela todo era mellor e máis puro. Don Quixote fala aos cabreiros como se fosen habitantes da Idade de ouro. O toliño era máis normal do que parece.

En política tamén se imaxinan paraísos. Por exemplo o Paraíso Socialista. Quedan rescaldos: Cuba. Non sei se Corea do Norte. Un compañeiro moi marxista leninista buscaba a pureza. Tan so lle valía Albania, até que lle prohibiron a entrada por levar barba. Quen cre no Paraíso é como se vivise nunha certeza. Non acepta probas do contrario. O contrario do Paraíso é o Inferno. É común que moitos paraisos evolucionen a infernos.

Unha virtude do paraíso soñado é que se pode vivir sen moito traballo. No Ceo estás contemplando beleza mentres escoitas música. Velaí o Pórtico da Gloria, agora limpiño e con algo de cor. En canto aos asuntos eróticos os Paraísos son moi imaxinativos e a propaganda turística teima por ese lado. A estes paraísos pódese voar a baixo prezo porque os Estados subvencionan as aerolìneas. Outro misterio da economía liberal. Alimentan a nosa fe tanto nos paraísos perdidos como nos paraísos á volta da esquina. No meu pobo a rúa Paraisín é a que leva ao Campo Santo. Co de “Paraisín” demostran non seren soberbios. Ou que teñen retranca.