Lóxica imperial

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

06 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Éfácil de entender. Hai moitos exemplos de imperios. O Imperio romano é tomado como o exemplo máis puro. Os romanos non disimulaban o seu discurso imperial. A súa lóxica. O mundo era seu. Os deuses algún día deseñaron ese mundo para ser conquistado e civilizado polos romanos. Por contra a Atenas democrática tiña dúas lóxicas. A democrática ( ver o discurso de Pericles) e a imperial: Os atenienses explican aos de Melos que teñen que se someter porque caen no territorio de influencia do seu imperio. Do contrario serán destruidos, cousa que ao final pasou.

A lóxica do imperio anula calquera outra lóxica. A do dereito, a humanitaria, a democrática... USA é unha república democrática e presume de lóxica democrática. Pero tamén é un imperio e practica a lóxica imperial sen disimulos. Igual que o imperio romano. Igual que os atenienses coa pequena illa de Melos. Pensar que un imperio se vai comportar con lóxica contraria aos seus interese é ridículo.

En 1968 o imperio soviético anulou as «aventuras democráticas» de Checoslovaquia. Houbo xentes de esquerda que se escandalizaron. Nunca pensaran seriamente que a URSS era un imperio herdeiro do territorio do imperio zarista e máis herdeiro da súa lóxica imperial.Putin prometeu devolver a Rusia aquela lóxica imperial. Está niso. E parece que os tres ou catro imperios mundiais se respectan os territorios de influencia.

Sería ben estudar historia e non esquecer o refrán: «Entre Deus e o diñeiro o segundo é o primeiro».