«Coas axudas da Xunta é imposible cubrir os danos que causa o xabaril»

ANA F. CUBA NARÓN / LA VOZ

FERROL

CESAR TOIMIL

O colectivo creado por gandeiros e labregos de Ortegal e Ferrolterra reclama axudas e medidas preventivas eficaces

16 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo que un grupo de gandeiros e agricultores de Ferrolterra de Ortegal pensan xuntarse para buscar solucións aos problemas causados polo xabaril. «Cada ano estamos sufrindo máis danos e de maior intensidade, veste desamparado, fan falta medidas eficaces e máis contundentes, porque é algo moi serio», sinala José Antonio Muíño (Castro-Narón, 1978), labrego e presidente da Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Asperfasa) de Galicia, que se acaba de crear. «Primeiro falábase dunha plataforma, pero isto non é algo puntual senón a longo prazo», constata. O colectivo presentouse onte na cooperativa do Val (Narón).

-¿Por onde vai empezar a traballar a asociación?

-As primeiras decisións son dirixirse á Administración para que tome medidas de inmediato e non deixe no desamparo ao sector, que se sinta respaldado, con indemnizacións polo custe real dos danos. Esa é a intención, e tamén que se tomen medidas para evitar os danos, non solo para palialos, porque un gandeiro ou un agricultor séntese satisfeitos polo produto que recollen da súa actividade, non por unha subvención. Somos quen máis soportamos a fauna e quen máis queremos que a haxa, porque é beneficiosa para todo, pero dentro dun equilibrio. Os desequilibrios sempre os provoca o home, e ten que ser quen os resolva.

-¿Que se fixo mal?

-Creáronse hábitats que non corresponden. Meu pai sempre estivo ligado á actividade e non recorda ver xabaril nin lobo onde están hoxe. Isto provocou, a maiores, un problema medioambiental, como se ve, por exemplo, na lagoa de Valdoviño, convertida nun refuxio do xabaril, un depredador doutras especies que si pertencen a ese hábitat.

-¿Que solucións propoñen?

-Xa tivemos unha reunión coa directora xeral de Patrimonio Natural (Belén Docampo) e falóuselle de aumentar o cupo de caza e incluso de ampliar as tempadas de caza e facilitar, cando hai un problema nunha zona concreta, que se actúe de inmediato, con máis axilidade e menos burocracia. Tamén se falou das indemnizacións, este ano hai un fondo de compensación, pero é moi escaso; é imposible cubrir, cun máximo de 1.650 euros, os danos reais da fauna salvaxe nunha explotación, na maioría dos casos.

«No primeiro semestre de 2018 houbo máis dun accidente ao día en Galicia pola fauna»

-A Administración sempre di que hai poucas denuncias.

-Queremos facer un chamamento ao sector, que a xente denuncie sempre. Moitos dicían, para que, se non serve de nada, pero agora vai haber algún tipo de compensación e pode axudar. Se non, á Administración non lle constan os danos reais que hai.

-En canto aos cazadores...

-Reunímonos cos tecores e co presidente da Federación Galega de Caza, e as palabras son moi boas, din que están do noso lado, que é un problema que hai que solucionar, pero teñen as mans atadas pola Administración.

-O xabaril xa supón tamén un problema de seguridade viaria.

-Si, chega moito máis aló dun problema do sector agrogandeiro. No primeiro semestre do ano produciuse máis dun accidente ao día por mor da fauna salvaxe, en toda Galicia. Queremos coñecer os datos por zonas, para ver cales son as máis conflitivas. Tamén hai preocupación social pola irrupción de animais en áreas urbanas, parques e xardíns, mesmo nas rúas. E existe preocupación pola sanidade animal, xa que estes animais son portadores de moitas enfermidades, desde a peste porcina á tuberculose, e hai países europeos que xa están tomando medidas.

-En definitiva, ¿que pretenden?

-Queremos facer presión para que se tomen medidas efectivas, ata chegar a ter unha poboación de xabaril (e lobo) coa que podamos convivir, poder traballar sen a preocupación constante, por non saber con que te vas atopar cada mañá. Canta máis xente nos respalde máis peso e máis presión, por iso queremos que a xente se asocie, e estamos abertos a xente de toda a comunidade.