Erros da esquerda

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

Debo especificar: «esquerda política». Non confundir co ollo esquerdo recén operado (unha catarata). Agora vexo até cores que nunca vira ou non me lembro ter visto. O día xusto de Santa Lucía me fan revisión do ollo dereito. ¿Qué dicir da sanidade pública que me fai ver? Pero pasemos do ollo esquerdo á esquerda política, que segue sen ver cousas evidentes. Por exemplo: falar desmesuras de VOX e darlle seguido prensa gratis. Canto máis se fale e insulte máis votos lle da.

A palabra fascista está gastada de tanto uso abusivo. «Fascista o PP». «Fascista Cidadáns». Fascista o PSOE, e «fascista» este que escribe. Aparecín en pintadas: «Fra Molinero máis fascista que Tejero». Xa o franquismo díxolle comunista a quen estaba contra Franco.

E o dictador multiplicou sen querelo o número de comunistas. Política de brocha gorda. Outro erro da esquerda é a dispersión: Por exemplo comeza a falar das eléctricas e remata por falar dos privilexios da Igrexa católica. No fragor da discusión bota pestes do bispo de Alcalá que dixo algo de Cristo, luz do Mundo.

Non concentrar esforzos, dispersarse, ven de vello na esquerda española. Sempre digo que no xadrez se move unha soa ficha de cada vez e hai que agardar a que o contrario mova a súa.

Compre considerar que o contrario sabe xogar e moitas veces mellor ca ti. Pero a esquerda teima en querer mover cinco fichas de golpe e, como así non vale e a xente acaba mareada, di na súa frustración que as regras da democracia son trapalladas.