O tapón

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

17 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro a figura ergueita do meu padriño fronte ao pequeno lavabo de louza, coas súas dúas billas de catro brazos e unha cadea metálica ao medio da que penduraba, tamén metálico, o tapón. O padriño -así era coñecido por netos e netas, foran apadriñados por el ou non- levaba posto un pantalón e unha camiseta de tirantes para a rutina do afeitado, que comezaba, sempre, colocando o tapón. Logo enchía o fondo do lavabo con auga, mollaba nela a brocha e a cara, para sacar logo escuma dunha máxica barra de xabrón. Pintada de branco a barba, deixaba uns intres mentres dispoñía a maquiniña, que prefería á navalla barbeira. Tras facer desaparecer do rostro a barba enxabronada, limpaba e gardaba todo meticulosamente, deixando inmaculada a branca superficie. Quizais fora un hábito reforzado nos seus tempos de embarques, mais aquela economía da auga que predicaba no cotián nacía, estou seguro, na súa casa natal do Prioiro, aquela nave de pedra chantada en Covas, que daquela levaba «b». A auga era un ben escaso cando el naceu, en 1900, e segue a ser un ben precioso hoxe. Realmente se non había pozo ou fonte próxima, non había casa posible; ter auga era a condición indispensable para o asentamento humano, e sen esa explicación non se entende a distribución das casas tradicionais en Galicia. Nese tempo que lembro xa había na aldea electricidade e bombas para picar auga ao depósito, logo viñeron as «traídas» particulares e, moito despois, a «auga do concello». Pero especialmente no hoxe das lavadoras, lavalouzas, duchas diarias, e outros usos equivalentes ao consumo de varias vacas e porcos, compre lembrar o tapón do meu padriño, sobre todo onde o turismo se suma á poboación local.