Supersticións

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

06 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un crego, amigo meu e excompañeiro de Comillas, falou de supersticións no século XXI. Penso que neste tema coma noutros os séculos pouco contan e tanto ten o consulado de César ou o de Rajoy. O ceo estaba gris, como dicía Machado, e non aparecían polo oeste os Picos de Europa, tan espléndidos cando aparecen. Os Picos están alí, pero ¿cómo demostralo? Claro que ninguén pediu probas.

Pero vaiamos ás supersticións que o crego nos contou. Unha rapaza veu a que lle botara a beizón ao bolígrafo (bic, nada de marcas exclusivas) para facer con garantías o exame de selectividade.

Un home presentouse na parroquia para encher unha botella de dous litros de auga bendita. Quería tomar chupitos pola noite. O crego non sabe qué facer coa imaxe de San Antonio a quen lle fregan seguido as sandalias cos décimos de lotería. Nos cursiños de matrimonio avisa a moitas parellas que non se trata de facer prácticas, senón doutra cousa. Algúns marchan do despacho parroquial bastante desilusionados. Isto non é superstición «sensu stricto», más ben descoñecemento dos trámites.

En Garabandal (Cantabria) moitos cren nas aparicións da Virxe, pero o bispo de Santander dixo que era cousa dos nervios das rapazas visionarias. Agora na aldea hai un hotel e multiplicáronse bares e casas de comidas. Falamos das aparicións. A tarde seguía gris e os Picos sen asomar. Alguén dixo que todo dependía da nosa crenza na Virxe. Unha das paisaxes máis fermosas que teño visto. Pois por min xa pode dicir misa o bispo.