Misión histórica

EDUARDO FRA MOLINERO CAVE CANEM

FERROL

09 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O etarra Josu Ternera ven de proclamar que está satisfeito de ter cumprido unha misión histórica. Proclamación solemne, case relixiosa, que nos coloca diante do espello das paranoias colectivas. Franco confesou que sentira a chamada divina (nada menos) de entregarse á misión de salvar España.

Unha cousa semellante proclamaba un tal Vilanova de Ribadavia. Levárono ao manicomio de Toen. Coñecino e pregunteille como fora o de que Deus lle pedira que salvase España. Nese momento por culpa das pastillas esquecera esa misión pero andaba noutra aínda máis importante: «Salvar ao mundo das néboas funestas que van subir do Miño e invadirán toda a terra». Fabricaba espelliños que condensaban a luz do sol. Despois os penduraba dos piñeiros.

Os psiquiatras, ao velo tan entretido nesta obsesión dos espellos, aforráronlle pastillas. Hitler non falaba de Deus, pero si da razón histórica da raza. A nación é un espíritu supremo que se mete no imaxinario dos pobos e dálles sentido á súa vida. Cando se mete nos miolos de xente elixida a Historia se pon en marcha e tocan «a matar».

Niso deriva a misión. Comeza daquela o ritual dos sacrificios humanos da tribu. Vilanova o de Ribadavia queria ser o amo de Fenosa para dar luz gratis a todos os galegos. Franco podía ter feito como Vilanova, pero non quería pasar por tolo nin era tan patriota. Tampouco Josu Ternera foi considerado nunca un tolo. Para el matar entra no soldo. Non damos aprendido. Teimamos seguido nas paranoias colectivas.