A paixón de Bernanos

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

28 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Escritor francés católico. Vivía en Mallorca en 1936. Por varias razóns, a relixiosa foi importante, estaba máis preto da Falanxe que doutras opinións políticas. Pero presenciou a represión, o exterminio, di o escritor, da guerra civil. En 1938 escribiu Os grandes cemiterios baixo a lúa. Non se cortou na denuncia dos crimes. Di crimes. Non deu atopado outra palabra máis exacta. O seu catolicismo non lle estorbaba a escrita da denuncia. Ao revés, un sentido moral do «pecado» avivou nel esa denuncia pública da convivencia da igrexa co crime. ¿Foi Bernanos un mal católico por denunciar o pecado? É autor dunha peza teatral sobre o martirio de monxas durante a Revolución francesa: Diálogo de carmelitas. Eu lin, case un rapaz, este libro e quedei impresionado. Comprendín o significado da palabra martirio.

Daquela no bacharelato nos daban a ler autores da xeración do 98 e autores franceses. Eu era «de francés» e toda a cultura francesa tíñase coma un modelo. Topei con Bernanos. Pasado un tempo lin este libro sobre a guerra civil en Mallorca. Non me sorprendeu a denuncia dos crimes da represión franquista. Tiña a mesma raíz ca denuncia do crime representado en Diálogo de carmelitas. O mesmo sentido ético, a mesma sensibilidade polas vítimas, pola dor humana, polo sufrimento de «Cristo na súa paixón» ( son palabras del).

De ter estado en Madrid «Os grandes cemiterios baixo a lúa» falarían de Madrid e das chekas. Denunciaría as chekas. Bernanos denunciaba «o pecado».