Nordés

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

02 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Quizá porque hoxe sopra ese vento do Norte e do Leste chamado aquí Nordés, a mente tomou ese rumbo, recollendo de algures a sensación -nin reflexión foi- da importancia das palabras, da importancia dos nomes do vento. Así, naveguei pola rede levado polo aire da curiosidade, e atopei un traballo «Os nomes do vento en Galicia e Portugal. Un estudo a partir dos datos do ALPI» da lingüista Carolina P. Capelo. O fascinante do achado para min non foi so a fermosa colección de nomes recollidos para o vento, senón descubrir que as siglas corresponden ao Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, promovido por Ramón Menéndez Pidal, un dos últimos investigadores solitarios do s. XIX, mais tamén visionario introdutor das técnicas de traballo en equipo, amparado a principios do s. XX no impulso creativo da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas. Canda a República, cuns curtos recursos, reuniu e formou lingüistas novos para entrevistar en 528 localidades a persoas iletradas de mediana idade, falantes das linguas e dialectos de España e Portugal, e facer o Atlas. Un deses foi Aníbal Otero, un filólogo de 22 anos nado en Barcia, Ribeira de Piquín; dende 1931 fixo todas as entrevistas de Galicia. Cando estaba a traballar no norte de Portugal estalou a guerra; detido pola policía do ditador Salazar, os cadernos coas notas fonéticas das entrevistas convertérono en espía, e foi entregado a España. A intervención de Pidal, do crego Xesús Carro e outros conseguiron trocar a pena de morte imposta pola cadea, non sendo liberado ata 1942. Quebrantado de saúde e moral, enclaustrouse coma un labrego na súa aldea, ata morrer en 1974. Unha historia traída polo vento.