O tren que me leva...

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

11 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que a cabeza anda ocupada, intoxicada con Cataluña, desculpen se hoxe lles falo de cousiñas domésticas. O tren. «O tren que me leva...» O tren de vía estreita e máis o tren grande que me debería levar para «os coruños». Pero «os coruños» andan sobrados e dimiten de capitalidade provincial. Non miran para este cacho da provincia. Este Norte ao norte, esta Escocia de Galicia que debería xa contar cun tren digno do nome de tren. Certo que a inversión ferroviaria para o porto exterior é importante. ¿Pero abonda? O porto interior seguirá sen boa comunicación co interior do territorio e estaremos nas mesmas. Veremos as vías tomando o sol e collendo logo ferruxe Uso o tren pero menos do que debería, porque a Renfe me bota del.Teño collido o tren e rematar a viaxe nun maxi-taxi ou microbús. Pasou que a locomotora non «furrulaba» ou non había recambio ou non quedaban mecánicos ou un desmonte na trincheira por Sedes non deixaba pasar. Ás veces a viaxe sáe de balde. Pero ir de balde mosquéame. Non hai revisor e non hai seguridades.

Invitáronme á tertulia da Voz porque me teñen coma un ser exótico. Viaxo en tren. A Xunta de Galicia mira o tren da Feve (agora todo é Renfe) como algo a amortizar. Os usuarios de ese tren da costa somos todos exóticos. Calquera día levaránnos a un circo.

Comprendo que nestes días as cabezas pensantes (e máis as insultantes) están en Cataluña. ¿Non podemos ter uns minutiños para algo tan doméstico como o transporte ferroviario?